O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España actuacións que garantan a permanencia da factoría de Alcoa na Mariña lucense, entre as que figuran a presenza dos ministros de Industria e de Transición Ecolóxica na reunión da Mesa de Seguimento do pacto de viabilidade convocada para o vindeiro día 9 de decembro ou a autorización dos parques eólicos de competencia estatal que prevén subministrar a esta factoría. Así mesmo, a iniciativa aprobada inclúe, a pesar de que o PSdeG non o apoio este punto, que o Goberno central active a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa no caso de que todas as accións previstas non teñan un resultado positivo.
A través desta proposición non de lei, defendida pola deputada popular Elena Candia, o Parlamento de Galicia traslada o apoio aos traballadores e traballadoras que, directa ou indirectamente, vénse afectados pola situación de incerteza da fábrica de alúmina e aluminio de Alcoa na Mariña lucense e amosa a súa solidariedade polas familias afectadas.
AXUDAS PÚBLICAS
Así mesmo, demándase ao Goberno central, unha vez convocada a mesa de seguimento do pacto de viabilidade para o día 9 de decembro, a participación na mesma dos titulares dos Ministerios de Industria e Turismo e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Presidente da Xunta, que xa anunciou a súa vontade de asistir se o facían os citados ministros.
Tamén se esixe o aumento da dotación orzamentaria das axudas de compensación de custes de emisións indirectas de CO2 ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea, así como autorizar, sen máis dilación, os parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos que prevén subministrar á factoría mariñá.
Outro dos puntos da iniciativa parlamentaria aprobados por unanimidade fai referencia á necesidade de articular unha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado, así como modificar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das empresas hiper-electrointesivas e deseñar mecanismos de apoio específicos ou reforzados que atendan ás necesidades especiais desta figura.
A proposición non de lei pide, ademais, articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía e estudar todas as accións legais e institucionais que garantan os compromisos adquiridos por parte das distintas administración e de Alcoa, en particular, aqueles previstos no acordo de viabilidade ou, alternativamente, os que se puideran pactar entre empresa e traballadores no marco do proceso de negociación.
O PSdeG ROMPEU A UNANIMIDADE TOTAL
O apoio unánime de todos os grupos parlamentarios co que contaron todos estes puntos rachouse nunha última demanda que non foi apoiada polos deputados do PSdeG. En concreto, o PPdeG e o BNG demandaron, no caso de que todas as accións anteriores sexan insuficientes, activar a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa, para garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo en San Cibrao, incluíndo o das auxiliares.