Santiago, 3 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España o arranxo urxente do túnel do Folgoso, na autovía das Rías Baixas.
A esta iniciativa engadiuse unha emenda do BNG para que a petición se faga extensiva ás estradas N-120 e N-559.
O deputado popular Diego Calvo criticou que o túnel do Folgoso leve pechado ao tráfico dende o pasado 25 de xaneiro, cando un camión incendiouse dentro do subterráneo e, a partir de entón, obrigou a desviar todo o tráfico desta autoestrada por vías convencionais, co risco que isto supón para a seguridade dos usuarios, na súa meirande parte profesionais do sector do transporte.
Así, segundo explicou o deputado popular, son milleiros os condutores que ven como as súas viaxes entre Vigo e Ourense increméntanse en máis de media hora, xa que teñen que circular a maiores entre 20 e 30 quilómetros pola estrada N-559 ata Covelo e seguir despois pola N-120 entre Fontefría ata A Cañiza. “O itinerario alternativo despois do peche só se pode facer por estradas dun único carril por sentido e, nalgún momento, incluso polo casco urbano”, matizou Calvo, que lembrou que “a Xunta xa se puxo en contacto co Ministerio de Fomento por este asunto e non obtivo resposta”.
LIÑA FÉRREA EN PRECARIEDADE
“Cremos que o arranxo se está a demorar moito no tempo, toda vez que o tráfico ferroviario entre Vigo e Ourense tampouco foi alternativa aos usuarios pois estivo cortado ata esta mesma semana e acaba de abrir sen ningunha garantía”, matizou o deputado popular. Neste senso, reclamou tamén que o Goberno Central se tome en serio “dunha vez por todas” a mellora desta liña férrea, pois a súa precariedade e o seu deterioro fan “constantes e demasiado frecuentes” as interrupcións no servizo.
Durante a súa intervención, Calvo aproveitou para expresar o seu rexeitamento á actitude do Goberno Central, e en concreto do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cara ás infraestruturas galegas: “Estamos cansos de ver como se desprezan as demandas realizadas desde Galicia, o que denota a falta total de investimento e compromiso por parte do Goberno de Pedro Sánchez. A situación na que se atopan tanto a A-52 como a rede ferroviaria vense a sumar ao deterioro e desmantelamento dos servizos de tren que estamos a sufrir nos últimos anos, especialmente agravada nos últimos meses empregando a pandemia como escusa para reducir viaxes e non repoñelos despois”.
FALTA DE COMPROMISO DO PSOE
Finalmente, Diego Calvo afeou ao PSdeG a súa falta de compromiso cos galegos e que non teñan peso suficiente para facer presión ante o Goberno Central. “Cabe preguntarse que pasaría se este tipo de problemas se tiveran producido noutros puntos do país. Probablemente a solución non se demoraría tanto”, concluíu Calvo.