Santiago, 24 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se insta á Xunta adoptar as accións xurídicas pertinentes, incluída a interposición dun recurso de inconstitucionalidade, ante a futura Lei estatal de vivenda, previo informe da asesoría xurídica que acredite a invasión das competencias exclusivas autonómicas en materia de vivenda.
A deputada popular Begoña Freire lembrou que o anteproxecto da futura Lei de vivenda “non se abordou nin debateu na correspondente Conferencia Sectorial, cando son as comunidades autónomas as que teñen as competencias nesta materia e as que deben xestionar as medidas propostas”.
MALA FE
“O Goberno de Pedro Sánchez actuou desde o primeiro momento de mala fe, porque a nova Lei estatal de vivenda non é outra cousa que moeda de cambio para conseguir o apoio aos orzamentos xerais do Estado, co único obxectivo de manter en pe ao Goberno de socialistas e Podemos”, sinalou.
Diante desta situación, a Xunta presentou un paquete de alegacións ante as que o Goberno de España, lonxe de dar marcha atrás, seguiu adiante de xeito unilateral. Begoña Freire salientou que este posicionamento contrario do Goberno galego á nova Lei estatal de vivenda “é compartido polo Consello Xeral do Poder Xudicial, que emitiu un informe claro e contundente recordando ao Goberno de España que a vivenda é unha materia de titularidade autonómica; e do Consello Galego de Competencia, que considera que a norma introduce medidas claramente ineficientes para cumprir o obxectivo de facilitar o acceso a unha vivenda ás persoas con máis dificultades e frear o aumento dos prezos do alugueiro”.
POSTURA DO BNG POUCO ENTENDIBLE
O proxecto de Lei estatal de vivenda superou o pasado 10 de marzo a súa primeira votación no Congreso, a pesar de que cinco grupos parlamentarios pediran a súa devolución ao Goberno. Deste xeito, a deputada popular criticou que o texto “seguirá adiante a súa tramitación grazas non só ao voto dos grupos que a apoian, senón tamén ao de partido como o BNG que se abstivo na votación das emendas á totalidade”. “É pouco entendible que un partido nacionalista se absteña ante un proxecto de lei co que o Estado, de forma unilateral, pretende invadir as competencias exclusivas en materia de vivenda que ten atribuídas a Comunidade galega”, sinalou.
Begoña Freire lamentou que “BNG e PSdeG volveran demostrar hoxe unha vez mais que en vez de estar do lado de Galicia e dos intereses dos galegos, están do lado do Goberno de Pedro Sánchez, que pretende cercenar as notas competencias exclusivas en materia de vivenda e que pretende boicotear a Galicia”.
“Non é desexable chegar á vía xudicial, pero se o Goberno de Pedro Sánchez persiste en invadir as competencias que lle corresponden a Galicia e persiste en cercenar o noso Estatuto de Autonomía, desde logo que o Grupo Popular vai apoiar sen fisuras ao Goberno da Xunta na defensa dos intereses de Galicia”, asegurou.