Santiago, 3 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a aprobar canto antes un decreto regulador da cooperación para o desenvolvemento que facilite a xestión das axudas por parte das ONGDs. “Cremos que o novo escenario orzamentario, así como a nova arquitectura institucional, aconsellan que se aborde en breve prazo ese novo marco normativo que consideramos imprescindible para unha mellor articulación da cooperación ao desenvolvemento en Galicia”, manifestou do deputado popular Alberto Pazos.
Na súa intervención, Pazos subliñou que a Xunta de Galicia “foi quen de manter vivo o sistema galego de cooperación nestes anos de crise económica, axustando os orzamentos pero garantindo a execución de actuación”. En concreto, indicou que desde o ano 2013 se mantiveron os orzamentos no contorno dos 4,1 millóns de euros, retomando no 2016 a senda ascendente cun incremento dun 1,15 por cento, aumentando neste 2017 o orzamento en cooperación un 7,7 por cento, “cumprindo o compromiso adquirido co sector de aumentar os orzamentos de cooperación nunha porcentaxe a lo menos igual á subida do orzamento da Xunta”.
Así mesmo, Alberto Pazos considerou “sobradamente acreditada a vontade do Goberno galego de apoio e diálogo coas ONGD’s” ao destinar máis do 75 por cento do orzamento operativo de gasto anual a estas entidades e manter invariable a dotación de 90.000 euros do convenio para fortalecer á Coordinadora Galega de ONGD´s, ao que recentemente se sumou o compromiso de manter as convocatorias tradicionais da cooperación galega e de recuperar as convocatorias que non se puideron convocar no pasado exercicio 2016.
“Ese dialogo tamén se está a materializar na elaboración do novo marco normativo que debe regular no futuro a cooperación para o desenvolvemento en Galicia, tal e como comprometeu o Goberno galego no Plan Anual 2016 da cooperación galega, onde se recolle o compromiso de elaboración dun decreto a tal efecto”, manifestou.
PROXECTO DE DECRETO
O deputado popular sinalou que na actualidade a Xunta de Galicia ten elaborado un proxecto de decreto de cooperación para o desenvolvemento, que xa conta co informe favorable do Consello Galego de Cooperación. Este novo decreto permitirá unificar nun só texto toda a normativa de desenvolvemento da Lei de cooperación galega, así como regular o Rexistro galego de axentes de cooperación e concretar a nova composición do Consello galego de cooperación para o desenvolvemento (Congacode).
“Un dos aspectos fundamentais será evitar as duplicidades de actuacións entre a Xunta e as entidades locais, para o que se prevé que as actuacións de cooperación para o desenvolvemento das entidades da administración local teñan o informe favorable previo da Administración galega”, concretou Alberto Pazos.
Por último, este decreto permitirá regular as peculiaridades das subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria, co obxectivo de lograr unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos fondos públicos destinados a estas organizacións.