Santiago, 22 de xaneiro de 2019. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei para solicitar ao Goberno de Estado unha etiquetaxe do mel que especifique de forma clara e precisa a orixe do produto, indicando ademais a porcentaxe concreta de mel de cada procedencia no caso de produtos de mestura, na liña do que está reclamando o colectivo de apicultores.
Desta maneira, preténdese loitar “contra a desinformación que sufre o consumidor a través da inexactitude das etiquetas actuais, que contribúe a confundir mel de España de alta calidade con mel de baixa calidade chegada de China, Rusia ou Ucraína elaborado baixo unha normativa menos esixente”, asegurou a deputada popular Raquel Arias.
INCREMENTAR AS GARANTÍAS DE CALIDADE
A proposición non de lei incorporou unha emenda do Grupo Popular para incrementar as garantías de calidade, que beneficiará tanto aos apicultores como aos consumidores. “Propuxemos obrigar ás empresas de envasado a especificar na etiqueta se o mel foi sometido a un proceso de quecemento por riba de 45 graos, unha práctica estendida entre as grandes compañías para incrementar a viscosidade do produto e que afecta á súa calidade e ás súas propiedades”, explicou Arias.
Un proceso diferente ao da pasteurización, que implica un tratamento térmico a máis temperatura, entre os 78 e os 82 graos, e que non resulta habitual na industrial do mel. Deste xeito, coa emenda do Grupo Popular, a nova etiquetaxe sería aínda máis restritiva.
Arias lembrou que o mel galego de máis alta calidade está amparado baixo a IXP Mel de Galicia. Preto de 300 apicultores galegos producen seguindo os requisitos do regulamento da Denominación de Orixe. O mel con selo de calidade galego ten peso específico no conxunto da produción nacional, xa que representa o 64 por cento do volume do mel certificado de España.
APOIO AOS APICULTORES
A deputada popular lembrou tamén a necesidade de seguir apoiando aos apicultores, tal e como ven facendo a Xunta. Nos orzamentos de 2019 increméntanse un ano máis as partidas para axudas ao sector, chegando aos 700.000 euros (cunha suba do 16 por cento). Na convocatoria do 2018 concedéronse 603.738 euros (un 16% máis que no 2017) para asistencia técnica, a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.
Raquel Arias destacou a importancia de que o consumidor coñeza de forma clara “de onde procede o mel que atopa nos estantes dos mercado, e poida diferenciar entre un produto elaborado de forma natural polas abellas e que superou rigorosos controis de calidade doutro máis barato pero de calidade inferior, desnaturalizado e en moitos casos resultado da mestura de edulcorantes e xarabes”.