Santiago, 5 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do BNG, a través da que se solicita á Xunta que estenda a todos os centros de atención primaria de Galicia, ao longo do presente ano 2022, o protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) no que se dirixen as consultas de xeito directo ao profesional máis axeitado á necesidade do paciente, garantindo así a súa atención en tempos de resposta determinados segundo sexa a necesidade da consulta inmediata, no día ou ordinaria.
Así mesmo, e logo dunha transacción co PSdeG, pídese que se ofreza á poboación, a través da publicación periódica dos datos, información sobre a dispoñibilidade de profesionais de todas as categorías involucradas na atención primaria, desagregada por área ou distritos sanitarios, e comprometer a maior contratación posible dos profesionais necesarios e dispoñibles para optimizar o funcionamento dos centros de atención primaria, no marco do que establecen as leis de orzamentos galega e estatal.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, sinalou que “unha cuestión fundamental e primordial que había que corrixir para mellorar a atención primaria sanitaria era a accesibilidade aos centros de saúde e tamén aos profesionais, así como establecer melloras na xestión da demanda”.
“Para abordar esta cuestión, a Xunta puxo en marcha o pasado ano o sistema CRM100, que na actualidade funciona con éxito en 40 centros de saúde, co obxectivo de estendelo a todos os centros que o requiran ao longo deste ano 2022, e que permite xestionar con rapidez e resolver, en moitos casos por anticipado, as chamadas dos pacientes”, concretou.
De xeito paralelo, tamén se puxo en marcha o protocolo de xestión integral da demanda en equipo para optimizar a xestión das citas nos centros de saúde. Así, o XIDE vai permitir axilizar a atención de todas as consultas, posibilitando a derivación directa aos profesionais máis axeitados á demanda do paciente e priorizando os motivos que o sistema deseñado por profesionais sanitarios identifica como de consulta inmediata ou no mesmo día.
Encarna Amigo apuntou que o XIDE “deseñouse con profesionais sanitarios e aplicando un algoritmo con 451 motivos de consulta para que fose utilizado polo persoal administrativo dos centros, comprobando que respondían á demanda real ao identificarse os máis frecuentes”.
TODA A INFORMACIÓN
Así mesmo, a portavoz popular asegurou que “queremos darlle aos cidadáns toda a información precisa para que coñezan a realidade e transparentar o que tantas veces afirmamos e que algúns non queren crer: que non hai médicos para contratar”.
“Porque a sanidade pública sofre un problema acuciante de falta de persoal que as forzas da oposición en Galicia non queren recoñecer”, lamentou Encarna Amigo. Neste sentido, insistiu na demanda dunha ampliación extraordinaria de 64 prazas no MIR, a creación da especialidade de medicina de urxencias e a eliminación dos límites nas taxas de reposición.
Desde Galicia, e no ámbito das competencias autonómicas, a Xunta xa puxo en marcha novas medidas, como a contratación de técnicos de saúde ou a creación da nova especialidade de facultativo especialista de atención primaria, e a súa provisión excepcional mediante un concurso de méritos co obxectivo de atraer aos residentes que rematan o seu MIR de familiar ou comunitaria.