Santiago, 10 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita que o período mínimo de imputación das subvencións por incorporación de agricultores mozos, no caso de que tribute no IRPF do mozo, sexa como mínimo de cinco anos a contar dende o período de incorporación. Así mesmo, no caso de que a incorporación do mozo se faga mediante a súa participación en entidades, demándase que a subvención percibida se impute na imposición da entidade participada e non no IRPF do mozo.
O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, manifestou que “buscamos incentivar a incorporación destes agricultores mozos mediante axudas e con iniciativas coma esta facilitándolles o cumprimento das súas obrigas, pero sempre coa premisa de que deben de cumprir coma os empresarios que son”.
“Defendemos a necesidade de que os nosos agricultores e gandeiros desenrolen unha actividade económica con rendibilidade, polo que temos que convencelos de que son empresas”, sinalou o portavoz popular. Así mesmo, apuntou que “teñen que ser conscientes das súas obrigas, e para iso a nosa misión é tratar de mellorar o tratamento que se fai dalgunha desas obrigas, sobre todo cando entendemos que o criterio está errado”.
José González salientou que a Xunta apoiou nos últimos cinco anos a incorporación de case 1.800 mozos á actividade agraria, destacando o pasado ano 2016 no que se concederon subvencións a 618 mozos.
O importe destas axudas nese período achegouse aos 50 millóns de euros, cunha media de 20.000 euros por mozo que se incorporou ao campo, que no ano 2016 chegou ata case os 40.000 euros por mozo.
CONSIDERACIÓN DE CAPITAL
O portavoz popular explicou que “a cualificación da axuda como corrente conleva que a súa imputación se realice no exercicio no que se produza a súa resolución, salvo que se opte polo criterio de imputala no exercicio no que se produza o cobro”. “Iso supón unha tributación no IRPF que resulta excesiva no exercicio no que precisamente o agricultor está a comezar a súa actividade económica e onde pode ter unha maior necesidade de liquidez”, engadiu.
Ademais, José González sinalou que, por efecto da progresividade do imposto sobre a renda, “ao tributar toda a subvención nun ano o tipo impositivo é superior: se se imputa a subvención en máis exercicios atrásase o pago de impostos e, ademais, páganse menos impostos”.
A proposición non de lei do Grupo Popular defende, no seu primeiro punto, que a subvención teña a consideración de capital e que a súa imputación se faga nun período mínimo de cinco anos. “Se o compromiso que se lle pide ao mozo é permanecer na actividade durante ese período mínimo de cinco anos, os gastos subvencionables esténdense ao longo deses cinco anos e polo tanto o ingreso debería declararse nas liquidacións deses mesmos anos”, sinalou.
Así mesmo, a iniciativa incorpora que se o mozo aporta a axuda que percibe a unha entidade agraria da que forma parte, sendo esta a que materializa o investimento, sexa a propia entidade a que tribute pola axuda, imputándose os períodos impositivos nos que se amortice.
PROBLEMA RESOLTO NA NOVA ORDE
González Vázquez engadiu que este problema “en boa medida xa está resolto pola Consellería do Medio Rural, xa que na convocatoria deste ano a redacción é moito máis precisa na fixación dos períodos de cumprimento das obrigas derivadas da incorporación e recóllense dúas liñas de axudas: unha para investimento en activos fixos e outra para o desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais, dirixidas tanto para agricultores mozos como para pequenas explotacións”.
“Deste xeito, o obxectivo desta proposición non de lei é que a Axencia Tributaria cambie o seu criterio para favorecer aos mozos que gozaron destas axudas en anos anteriores e que aínda teñen pendente de tributar pola subvención”, sinalou.