Santiago, 10 de setembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou a aprobación no Pleno do Parlamento galego de mañá do ditame da Comisión de Estudo sobre política forestal e loita contra os incendios forestais, “un documento que recolle 107 propostas e que marca unha folla de ruta para actuacións nos montes galegos no presente e no futuro”.
Pedro Puy afirmou que este ditame é “un traballo ben feito, longo e consistente, que foi apoiado na comisión parlamentaria tanto polo Grupo Popular como polo Grupo Socialista”. Ao longo do documento, de máis de 200 páxinas, faise unha análise dos incendios acaecidos entre os anos 2006 e 2017, con especial atención á vaga de incendios de outubro de 2017; avalíanse as medidas adoptadas na loita contra os incendios nestes anos e a súa efectividade; estúdanse as dos incendios, distinguindo entre causas inmediatas e circunstancias que agravan as consecuencias dos incendios; e, finalmente, propóñense un total de 107 recomendacións.
Entre estas recomendacións, destaca a necesidade dunha planificación integral do territorio e dos usos do solo rural; dotar de novas competencias á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para impulsar a mobilidade de terras produtivas e a creación de polígonos agrarios e distritos forestais; centralizar nun ente instrumental específico, dependente da Xunta, as funcións en materia de prevención de incendios e vixilancia de incumprimentos; ou a creación dun grupo de expertos para optimizar a eficacia do servizo de extinción de incendios.
PORTOS E TRANSICIÓN ENERXÉTICA
O portavoz popular tamén informou hoxe das proposicións non de lei que o PPdeG defenderá no Pleno que se celebra mañá e o mércores. A primeira delas ten relación coa “decisión fondamente desacertada” do Goberno central de condonar a débeda financeira xerada no porto de Valencia logo da organización de eventos como a Copa América ou a Fórmula. “Consideramos que esta decisión rompe os acordos e os equilibrios e regras de xogo vixentes ata o momento entre o Goberno central e todos os portos do Estado, polo que esiximos ao Goberno central que dea igualdade de trato e consideración ás autoridades portuarias galegas en relación á de Valencia, unha situación que permitiría mellorar a competitividade dos nosos portos”.
En concreto, Puy referiuse a actuacións a desenvolver nos portos exteriores de Punta Langosteira e Caneliñas; así como a rampa, silo para automóbiles e a mellora do atraque de cruceiros en Vigo; o acceso ferroviario ao peirao de Vilagarcía; ou as melloras de operatividade para contedores en Marín.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular vai dirixida a que o Goberno do Estado constitúa de inmediato o grupo de traballo anunciado pola ministra de Industria para analizar, xunto coas comunidades autónomas, o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable ambiental e economicamente, no que teñan cabida as centrais térmicas máis eficientes como as galegas de Meirama e As Pontes.
Así mesmo, pídese que o Goberno central faga efectivo o mecanismo de apoio, por un importe de 20 millóns de euros, para a redución das emisións ambientais nas centrais térmicas de carbón, con sometemento aos requisitos e límites previstos na normativa de axudas de Estado da Unión Europea.
Respecto do accidente ocorrido en Vigo durante a celebración do Festival do Marisquiño, Pedro Puy salientou que o vicepresidente da Xunta comparecerá no Pleno, a petición propia, para informar das actuacións realizadas pola Administración autonómica no ámbito das súas competencias en materia sanitaria e de emerxencias. “Se todas as administracións e todos os responsables tiveran feito o mesmo no ámbito das súas competencias non teríamos que debater mañá sobre a constitución dunha comisión de investigación, sobre a que tomaremos mañá unha decisión e se fará pública na propia sesión”, avanzou.