Santiago, 11 de setembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o Pleno desta semana “será un reflexo das prioridades do PPdeG para esta lexislatura: reforzar a economía para que se xere emprego de calidade e potenciar os servizos públicos”. En concreto, fixo referencia á proposición de lei de fomento da implantación empresarial, a Estratexia Autónomo 2020 ou o Cheque-Formación para desempregados.
Pedro Puy manifestou, en primeiro lugar, que a sesión plenaria de mañá debaterá a toma en consideración da proposición de lei, impulsada polo Grupo Popular en colaboración co Goberno galego, para o fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
REFORZAR A CAPACIDADE EMPRESARIAL
Así, apuntou que este novo texto lexislativo pretende reducir os prazos para a presentación de iniciativas empresariais e para a posta en marcha de proxectos, facilitar a posta a disposición das empresas de solo empresarial, incentivar a fixación de empresas en Galicia, así como medidas liberalizadoras para impulsar sectores estratéxicos da economía galega. “En definitiva, trátase dunha aposta decidida para reforzar a capacidade empresarial e fixar actividade e emprego en Galicia”, dixo.
Un segundo punto con medidas de impulso económico e fomento da creación de emprego é a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para falar da Estratexia Autónomo 2020. Neste sentido, explicou que esta iniciativa suporá un investimento de 160 millóns de euros ao longo da presente lexislatura, co obxectivo de apoiar de media máis de 10.000 traballadores cada ano, o que supón un incremento do 45 por cento sobre a última lexislatura
Puy lembrou que esta nova estratexia “xa se activou con preto de 20 millóns de euros en axudas para o establecemento como autónomo e para a contratación indefinida de traballadores”, fixando como prioridades “a incorporación de novas persoas ao emprego autónomo, a consolidación do emprego existente e a simplificación da tramitación administrativa”.
CHEQUE-FORMACIÓN
Outra das iniciativas dirixidas á creación de emprego en Galicia que o Grupo Popular leva ao Pleno desta semana é a proposición non de lei demandando á Xunta a introdución en Galicia do Cheque-Formación, de xeito que as persoas desempregadas dispoñan dun crédito para mellorar a súa formación profesional, poidan escoller a formación que queren recibir e a entidade na que queren que se imparta.“Trátase de avanzar na actualización e na renovación do sistema de formación, co obxectivo de que sexa axeitado ás necesidades das empresa”, indicou o portavoz popular.
Como medidas dirixidas á mellora dos servizos públicos que reciben os galegos, Pedro Puy citou a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza que, canto antes, estableza o número de xulgados que lle corresponden a Galicia para 2018, de xeito que a propia Xunta dote dos medios necesarios a estes novos xulgados.
Ademais, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre o funcionamento das estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) na busca de mellorar a atención sanitaria que reciben os pacientes; o desenvolvemento da nova estratexia galega de linguas estranxeiras EDUlingüe 2020; ou a dotación dos botiquíns nas frotas de baixura