O PP destaca que “as áreas de sanidade -12,3M€ para as obras do Hospital Público da Mariña-, abastecemento e tratamento de augas residuais -máis de 8,5M€- e portos -máis de 2,6M€- centran os principais investimentos directos previstos pola Xunta nos seus orzamentos para o 2027 na comarca da Mariña”.
Os deputados do PP lucense no Parlamento de Galicia Enrique Barreiro e José Luis Novo subliñan tamén as partidas orzamentarias concretas para a mellora de infraestruturas viarias -3,15M€ para a VAC Costa Norte e o inicio da execución da variante de Viveiro-, a ampliación de polígonos industriais -1,4M€ para Xove e A Pontenova-, a mellora de centros educativos -400.000€ para o IES María Sarmiento (Viveiro)- ou a renovación do albergue xuvenil de Area (Viveiro) -xa adxudicada por 690.000€-.
Con todo, lembran que o investimento directo na Mariña “ascende considerablemente tendo en conta o reforzo dos servizos públicos sanitarios, educativos e relacionados coa política social que financia a Xunta de Galicia; así coma as axudas directas a entidades, autónomos, gandeiros e empresas da comarca ou outros apoios a familias, empresas ou Concellos”. De feito, increméntanse máis dun 8% o Fondo de Cooperación Local para que os Concellos dirixan fondos ás actuacións que libremente decidan.
O investimento do organismo hidráulico medra máis dun 42% na provincia de Lugo sendo a comarca da Mariña das máis beneficiadas polas obras proxectadas pola Xunta de Galicia no ámbito do abastecemento -4M€ para Ribadeo e Trabada e investimentos para Rúa (Cervo) e Xove- e tamén no de saneamento e depuración -2,66M€ para a EDAR de Burela, 1,35M€ para a EDAR de Foz e 200.000€ para o proxecto da nova ETAP de Viveiro- contribuíndo á mellora das rías.
O orzamento anual no ámbito marítimo increméntase nun 18% na comarca con respecto ao ano anterior. Portos de Galicia dirixe máis de 4,6M€ ás obras de mellora do abrigo do porto de Morás (Xove) para as que reserva 500.000€ para este 2027. Para este ano consigna arredor de 2M€ -dun total de 4M€- para catro actuacións nas instalacións portuarias de Celeiro (Viveiro) entre as que se atopan a demolición das naves en estado ruinoso. Tamén prevé actuar na renovación do pavimento do acceso ao porto de San Cibrao (Cervo) e na remodelación do viario de acceso ao porto de Ribadeo. E recolle unha partida para a nave-almacén de caixas de Burela. A Xunta tamén seguirá apoiando aos colectivos de pescadores e a tres proxectos de acuicultura en Burela, Cervo e Riotorto.
Tamén medra nun 29% o orzamento de Medio Rural para a provincia de Lugo neste 2027 dirixido, fundamentalmente, á reestruturación parcelaria e á mellora de camiños e infraestruturas rurais. Neste ámbito, multiplícase por dous o orzamento para prevención e defensa contra incendios.
O Goberno galego contempla na súa planificación económica para o 2027 outras actuacións como: a creación de dúas unidades de atención temperá en Viveiro e Ribadeo, mellorar a eficiencia enerxética no xulgado de Viveiro, investir no mantemento do polo de emprendemento de Mondoñedo e no Centro de Formación para o Emprego de Viveiro, dar continuidade ás obras en materia de prevención de inundacións no río Fontecova (Viveiro), seguir impulsando o Camiño do Litoral e desenvolver solo residencial para vivenda protexida en Ribadeo.
MÁIS DE 6M€ PARA INVESTIR EN VIVEIRO
Barreiro e Teijeiro, que visitaron Viveiro acompañados pola alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacaron que “as contas do Goberno galego dan cumprimento aos proxectos anunciados para o municipio”.
Gueimunde destaca os máis de 6M€ contemplados para investir de forma directa en Viveiro. Concretamente, explica que “os Orzamentos da Xunta contemplen partidas para proxectos importantes, para algúns que xa están en marcha e para outros que xa están previstos”.
A rexedora popular destaca “a aposta polo Porto de Celeiro, un dos portos pesqueiros máis importantes do Cantábrico, xa que o Orzamento da Xunta para o 2027 contempla o proxecto de mellora do peirao vello, a demolición das naves en ruínas, o saneamento portuario e o reforzo do dique de abrigo”. Tamén valora as partidas específicas en materia de infraestruturas viarias: “o Orzamento presentado pola Xunta recolle fondos -3,15M€- para avanzar na VAC Costa Norte e na variante sobre o que se está traballando”. Así mesmo, considera tamén “importante” o apoio para actuar na “actualización das infraestruturas de saneamento” con 200.000 euros para o proxecto da nova ETAP.
Así mesmo, nomeou investimentos en materia de vivenda –500.000 euros-, para a cuberta das naves dos talleres do IES María Sarmiento -400.000 euros-, a renovación do albergue xuvenil de Area onde recibimos polo verán a moitos mozos e mozas -licitadas onte por 690.000 euros-, a posta en marcha dunha Unidade de Atención Temperá -100.000 euros-, dar continuidade ás obras para paliar os riscos de inundación no río Fontecova -77.000euros-, a adecuación do Camiño do Litoral e o financiamento do Centro de Formación para o Emprego de Viveiro.
ESTABILIDADE
Os deputados do Partido Popular no Parlamento de Galicia poñen en valor que a provincia de Lugo contará cun investimento directo de preto de 2.000M€ -1.967M€- que supoñen un incremento do 5,4% no proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2027 que dirixen 3 de cada 4 euros a gasto social. O incremento de máis dun 7% evidencia que a sanidade, educación e política social son “prioridades para o Goberno galego”,
Os populares destacan a “estabilidade” do Goberno da Xunta que presenta, un ano máis, este documento básico para gobernar e xestionar “en tempo e forma” mentres que o Goberno de Sánchez non presentou ningún durante os tres anos desta lexislatura, o que supón “non dispoñer dun proxecto económico actualizado, que contemple as necesidades actuais que presenta España e que sexa o motor do desenvolvemento do territorio”.
ACORDOS CON SINDICATOS E APOIOS ÁS FAMILIAS E EMPRESAS
Os deputados autonómicos tamén incidiron na “capacidade do Goberno galego por chegar a acordos” para, por exemplo, subir os salarios ao persoal médico; “mentres que o Goberno de Sánchez mantén un conflito cos seus representantes sindicais que afecta a todo o país”.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP -que continúa a ofrecer gratuidade en todas as etapas- incorpora novos docentes e reforza a atención á diversidade atendendo a novas medidas relacionadas cun acordo sindical. E a Consellería de Política Social consigna orzamento para alcanzar unha achega de 17€/hora para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) atendendo a un acordo coa FEGAMP.
Mentres que “o Goberno de Sánchez estivo máis preocupado polos casos de corrupción no PSOE e por cumprir os caprichos dos independentistas que por buscar solucións aos problemas que afectan a España; o Goberno galego está centrado en cumprir os seus compromisos e dar resposta ás necesidades e aos retos actuais dos galegos”, defenden.
Nese sentido, a Xunta aposta por aplicar rebaixas fiscais que repercutan directamente nas familias e no tecido produtivo neste contexto de subida de custes: nos primeiros tramos do IRPF para beneficiar ás rendas máis baixas, no Imposto de Actos Xurídicos Documentados para favorecer a construción e adquisición de vivendas e no Imposto de Sucesións para facilitar o relevo xeracional.