Santiago, 19 de maio de 2022.- A deputada do Grupo Popular Begoña Freire afirmou hoxe no Parlamento galego que “o constante incremento dos usuarios é o mellor expoñente de que o Plan de Transporte Público de Galicia funciona ben”. Porén, lamentou que o Goberno central “estea atentando contra as necesidades de mobilidade dos galegos co seu proxecto de Lei de mobilidade sostible, coa desatención do ferrocarril e co novo mapa dos autobuses intercomunitarios”.
Begoña Freire salientou que “o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos foi inxente e complexo para renovar e modernizar todas as concesións de transporte interurbano, e que permitiu dotar a Galicia dun transporte público por estrada eficaz, competitivo e mellor adaptado ás súas necesidades”.
INCREMENTO DE LIÑAS E USUARIOS
En concreto, lembrou que se activaron 127 contratos que configuran hoxe a rede autonómica de transporte; se renovaron 3.436 liñas de autobús; se habilitaron 53.000 paradas; se ofreceron cada ano máis de 2,3 millóns de horarios; e se percorreron máis de 57 millóns de quilómetros, movendo, de media, preto de 3 millóns de viaxeiros ao mes. “Todo isto supuxo un incremento da demanda dun 70 por cento, chegando aos 23,2 millóns de viaxes”, dixo.
“O Plan de Transporte Público de Galicia está en constante mellora e ampliación para adecuarse ás necesidades de mobilidade dos usuarios, como así o demostran os continuos axustes que se están a realizar”, sinalou a deputada popular.
Porén, Freire criticou que o Goberno central “estea atentando constantemente contra as necesidades de mobilidade dos galegos”. Así, apuntou que o proxecto de Lei de mobilidade sostible suporá “un enorme agravio para Galicia e, máis en concreto, contra o medio rural”.
ABANDONO DO RURAL
Esta nova lei pretende supeditar a planificación das infraestruturas de transporte estatal á rendibilidade económica; avoga por suprimir o transporte de tren no rural, impedindo que as comunidades autónomas poidan beneficiarse do Fondo estatal para o sostemento da mobilidade, que se reserva aos concellos e deixa fóra o transporte metropolitano que prestan as autonomías; e, ademais, contempla a revisión dos criterios para declarar Obrigacións de Servicio Público facéndoos máis restritivos.
Begoña Freire tamén se referiu ao novo mapa concesional de servizos regulares de transporte por estrada de competencia estatal, que elimina a metade das paradas das liñas de autobús estatais, priorizando as conexións entre grandes cidades e capitais de provincia, “o que suporá deixar sen servizo a moitas poboacións pequenas, condenando así ao rural a unha perda radical de servizos e de conectividade en transporte público”.
Diante desta situación, a deputada popular recordou que “a Xunta, do mesmo xeito que fixo co proxecto de Lei de mobilidade sostible, xa anunciou que presentará alegacións a este novo mapa de concesións para que se teñan en conta as peculiaridades de Galicia, se garanta a conectividade do rural e se aposte pola vertebración territorial”.