Santiago, 23 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu este venres unha rolda de prensa na que celebrou que no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) do xoves se acordase que todas as Comunidades Autónomas conten co mesmo tope de déficit, en contraposición coa asimetría que propuña Cataluña ou algúns gobernos socialistas.
“Alegrámonos de que o Goberno non premie a aqueles que, mentres outros nos esforzabamos para cumprir con suor e bágoas, optaron por ser cigarra e non formiga”, subliñou, para reiterar a súa petición de que sexa o mesmo principio de igualdade entre territorios o que impere na Conferencia de Presidentes convocada para o vindeiro 17 de xaneiro.
O secretario xeral dos populares galegos valorou que a actitude demostrada con respecto a estas dúas reunións retrata dous modelos das nacionalidades históricas. Dunha parte, destacou que Cataluña se atopa inmersa na ilusión nacionalista e “secuestrada polos antisistema”, cun goberno que necesita dos recursos do resto do Estado para sufragar os seus servizos. Deste xeito, comparou á Generalitat co “adolescente que se quere independizar, pero que pretende que os pais lle paguen o alugueiro, a comida e de paso lle pasen o ferro á roupa”.
Pola contra, entende que Galicia poderá exhibir un robusto crecemento económico e pode presumir de ser unha comunidade das máis saneadas de España, así como de ter un plan para reducir a súa débeda pública de xeito sostido. “O sentidiño do que nos gusta presumir sempre nos dixo que non se pode gastar o que non se ten, e que cando se debe hai que pagar”, recalcou.
DESGOBERNO NAS CIDADES
Tellado tamén comparou o rigor e a estabilidade da Xunta co “desgoberno” que padecen algunha das cidades galegas. Neste sentido, cualificou de “reunión do esperpento” a xuntanza desta semana entre os alcaldes de Vigo e da Coruña, despois de que nos últimos meses se tivesen insultado en numerosas ocasións.
“Asistimos con incredulidade a este episodio, pero o certo é que Xulio Ferreiro e Abel Caballero comparten moitas cousas”, apuntou, e ilustrou o seu argumento con que “o seu único modelo de xestión é a confrontación” e que a ambos “lles gusta máis xogar á política autonómica que resolver os problemas dos seus cidadáns”, recordando os recentes intentos de ambos por controlar os seus respectivos partidos. Do mesmo xeito, afeoulle ao alcalde de Pontevedra que non sexa capaz de pactar os orzamentos con ningún dos catro grupos da oposición na súa cidade, e comeza a ver en Miguel Anxo Fernández Lores “mostras de esgotamento do seu proxecto político”.
A preguntas dos xornalistas, o secretario xeral apuntou que o acordo programático ao que chegou a oposición en Ourense é o inicio “da cociña dunha moción de censura”, e reprochoulle aos socialistas que logo de “entregarse aos populistas de esquerdas, queiran facer o mesmo cos populistas de dereitas”, así como que estean valorando a posibilidade de entregarlle a alcaldía a “unha persoa cuxo referente político é Donald Trump”. “O gran drama dun bo alcalde en minoría como Jesús Vázquez é que a irresponsabilidade da oposición” concluíu Tellado, que cre que “isto danos a razón ao PPdeG cando dicimos que temos que poñernos a traballar desde xa para solucionar estas situacións nas municipais de 2019”.