Santiago, 25 de abril de 2018.- O deputado do Grupo Popular, Jacobo Moreira, subliñou hoxe no Parlamento que a Xunta “cumpriu escrupulosamente” o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento respecto das demandas formuladas polo Comité de Folga dos funcionarios da Xustiza. Así mesmo, demandou aos representantes sindicais que “validen o preacordo acadado entre a Xunta e a maioría dos sindicatos integrantes da mesa de negociación e o sometan a consulta do persoal funcionario”.
Jacobo Moreira lembrou que “sempre dixemos que queríamos poñer aos funcionarios galegos da Xustiza na media retributiva das outras comunidades autónomas, e por iso se aprobou unanimemente o pasado decembro un mandato parlamentario consistente na mellora das condicións laborais do persoal ao servizo da Administración de Xustiza transferido a esta Comunidade Autónoma”.
“Así, e logo de 16 reunións celebradas polos representantes da Xunta coas organizacións sindicais, a última oferta do Goberno galego supón que os funcionarios galegos pasarían a estar os cuartos no ránking estatal de comunidades autónomas, ao tempo que se contempla unha cláusula de revisión anual para que o complemento que lles paga a Xunta subise automaticamente, de forma que sempre estivese por riba da media”, concretou.
Moreira manifestou que esta suba do complemento “practicamente supón unha nómina máis ao ano, ao que se sumou que o vindeiro 1 de xaneiro xa cobrarían o 80 por cento do complemento”.
“A estas cantidades abonadas polo Goberno galego haberá que engadir o incremento acordado a nivel do Estado e que tamén paga a Xunta, co que o incremento do soldo final será de máis dun 13 por cento, o que supón unha media de 300 euros máis ao mes”, engadiu.
PETICIÓNS ATENDIDAS E OUTRAS PROPIAS
O deputado popular explicou que, ademais desta proposta en materia de remuneración económica, a Xunta “tamén dou resposta a outras catro peticións formuladas ao inicio da folga: ampliación dos supostos de incapacidade temporal nos que se perciben a totalidade das retribucións, compensación económica do persoal que realice substitucións no corpo superior, consolidación de prazas de reforzo de máis de 3 anos de duración e creación de prazas no marco do plan de modificación dos cadros de persoal aprobado en 2012”.
“A todo isto, hai que engadir que, por iniciativa propia da Xunta, incorporáronse melloras nos xulgados con competencias en materia de violencia de xénero; ampliación do permiso por maternidade e paternidade; un plan de actuación e recuperación do traballo por causa das xornadas de folga; o prorrateo dos descontos pendentes pola folga; e a carreira profesional”, dixo Moreira.
Na súa intervención, Jacobo Moreira lamentou “os prexuízos que esta folga está a causar á cidadanía, porque estamos a falar da prestación de servizos que se estiman de carácter esencial e do exercicio do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva, tan fundamental como o dereito á folga”.
A MEDIACIÓN NON É A SOLUCIÓN
Respecto da proposta de mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, o deputado popular lembrou as declaracións da Presidenta deste organismo nas que afirma que “non é momento de mediación”, “xa non serviría mediar”, “neste punto non hai mediación que sexa necesaria” ou “a mediación non é unha solución nin é necesaria, dado que as posturas son claras”.
“Non é a mediación a solución cando, cada vez que se está a piques de acadar o acordo, unha parte muda a súa postura”, lamentou Moreira, quen afirmou que “algúns representantes sindicais decidiron que a folga ten que seguir, pensando máis nos seus intereses sindicais que nos traballadores”.