Paula Prado visita Ribeira acompañada por Manolo Ruiz e pola Comisión de Medio Ambiente, presidida por Marisol Díaz Mouteira
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, asegurou que o seu partido avala a Lei de ordenación do litoral de Galicia, que impulsa a Xunta, fronte ao “ecoloxismo radical” do PSOE e do BNG: “Dende o PPdeG imos seguir defendendo os postos de traballo, a actividade económica no litoral e a nosa costa”.
Así se expresou durante unha visita en Ribeira á zona correspondente ao dominio público marítimo terrestre, na que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Manolo Ruiz, e pola Comisión de Medio Ambiente do partido, que tralo percorrido se reuniu nunha xuntanza presidida pola coordinadora desta área, Marisol Díaz Mouteira.
A número dous dos populares galegos lembrou que Galicia ten plena competencia para ordenar o seu litoral, como expón o Estatuto de Autonomía, un dereito que non se está recoñecendo. Por este motivo e ante os ataques do Goberno central aos intereses da Comunidade, salientou a necesidade de contar coa primeira Lei de ordenación do litoral de Galicia, que neste momento se atopa en consulta pública.
Como advertiu, mentres a “radicalidade ecoloxista” do PSdeG e do BNG quere arrasar a nosa costa e facelo “a costa dos galegos” —como xa aconteceu co veto á pesca de fondo e como ocorrerá coas 4.000 edificacións que están ameazadas—, os populares buscan coidar o noso litoral sen que isto prexudique vidas persoais nin a nosa economía.
PROPOSTAS FRONTE AO “TSUNAMI SÁNCHEZ”
“Non podemos permitir que dende un despacho de Madrid se regule a nosa costa e o noso litoral”, afirmou ao recordar a lista de agravios que están supoñendo para a Comunidade as decisións do Goberno de Pedro Sánchez, mencionando a Lei do cambio climático, a modificación do Regulamento de costas, o Plan para unha costa libre e a negativa a ceder a xestión do Dominio Público Marítimo-Terrestre.
“Fronte ao tsunami Sánchez, que se crea na Castellana, nós temos propostas”, insistiu Prado poñendo en valor a aposta pola nova Lei de ordenación do litoral, unha norma “duradeira, de consenso e ambiciosa” que pretende definir o litoral sobre o que Galicia ten competencia exclusiva, regular as actividades que poden desenvolverse na costa cunha visión ambiental e socioeconómica, identificar e ordenar as actividades estratéxicas e prioritarias para a Comunidade na costa respectando a protección do litoral e regular os cambios de actividade na zona de servidume de protección.
Pola súa parte, Manolo Ruiz tamén lamentou que as medidas adoptadas polo Executivo central poñan en perigo o futuro das empresas da cadea mar-industria de toda a Comunidade, que ven ameazada a continuidade das súas concesións, “un risco evidente para a comarca do Barbanza e para todo o noso litoral”.
Segundo apuntou, o Goberno de Pedro Sánchez parece descoñecer a realidade das actividades relacionadas co medio costeiro, destacando a importancia de que “Galicia recupere o que nunca debeu perder, que é o peso en todas as decisións que teñen que ver coa súa costa”.