O Partido Popular de Galicia conmemora hoxe o Día de Galicia tras un curso político no que se despregou por completo o ‘Estilo Rueda’ de facer política na nosa Comunidade, e faino a través dun vídeo no que subliña que “a Galicia do si” é tamén a da gran maioría dos galegos e galegas.
Cun toque de humor, empregando diversos termos coa sílaba “si”, os populares galegos reivindican a Galicia en positivo como “a Galicia do futuro”, fronte a aqueles que din ‘non’ e que se opoñen calquera cousa por sistema, e explican así a idea que intentan transmitir a través desta pequena peza audiovisual: “Nós miramos cara a adiante, con orgullo, forza e identidade”.
No vídeo participa como principal protagonista o presidente Alfonso Rueda, que na contorna da Fervenza do Toxa, onde tivo lugar a conmemoración do Día de Galicia do PPdeG o pasado martes, deixa claro ante a secretaria xeral, Paula Prado, que esa fermosa paisaxe se atopa en “Si-lleda”.
Trátase, ademais, dun lugar moi especial para o líder dos populares galegos, pois moi preto de alí no mesmo concello, na Bandeira, están as súas raíces. Aproveitando un xogo de palabras, colle un estandarte galego de mans de Luis López, presidente provincial de Pontevedra, que se achegou ata a zona en bicicleta e, de paso, tamén fixo fincapé así na importancia da actividade física.
Esta é a parte final do vídeo, que dá comezo coa conversa entre dous turistas estranxeiros e o presidente provincial de Ourense, Luis Menor, que lles aclara que están ante o maxestoso río “Si-l”, nunha escena gravada no miradoiro de Moura, no municipio de Nogueira de Ramuín, na Ribeira Sacra, que segue no camiño a ser declarada Patrimonio Mundial da Unesco.
A escena serve, ademais, para deixar claro que “Galicia di ‘si’ tamén a “abrir os brazos a todo o mundo que nos queira visitar”.
O QUEIXO SAN SIMÓN E O ‘VINTESINCO’
Pola súa banda, a presidenta provincial de Lugo, Elena Candia, responde orgullosa que o produto típico de Vilalba e un dos máis coñecidos de Galicia é o queixo “San Si-món”. Faino, ademais, no interior da queixería Don Crisanto, que vén de ser galardoada hai uns días co premio ao mellor queixo de España, o que pon tamén en valor a variedade e calidade da nosa gastronomía en toda a Comunidade.
Por último, no porto de Malpica de Bergantiños, o presidente provincial da Coruña, Diego Calvo, e a deputada autonómica e percebeira Paula Mouzo Mas teñen unha curiosa conversación, na que esta non se daba conta de que é 25 de xullo, día festivo. “É verdade! Que é… vinteSinco”, dille a camariñana, con esa característica fonética tan habitual na fala da Costa da Morte dunha lingua galega que tamén é protagonista neste Día de Galicia e coa que o PPdeG está comprometido.
Así, Rueda remata recalcando que “somos a Galicia da gran maioría dos galegos e galegas; a Galicia do futuro; a Galicia do si” e, en definitiva, a Galicia do PPdeG, desexándolle un feliz día a todos os galegos e galegas.