O Partido Popular de Galicia comprométese a dar a batalla en Europa no que se refire á tramitación ambiental de proxectos eólicos na nosa Comunidade e á súa adecuación ao marco normativo sectorial vixente para así “defender o presente e garantir o futuro de Galicia”.
Así o ratificou esta semana a Comisión de Medio Ambiente do partido nunha reunión encabezada pola coordinadora deste órgano, Marisol Díaz Mouteira, e na que tamén participaron o eurodeputado Adrián Vázquez e a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez.
Na reunión abordouse a cuestión prexudicial sobre os eólicos presentada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado mes de xuño ante o Tribunal de Xustiza Europeo e na que, tal e como se anunciou esta semana, o Goberno galego se personará co obxectivo de defender o seu bo facer e as plenas garantías coas que contaron as autorizacións de parques eólicos concedidas nos últimos anos.
“Este é un problema para o que urxe unha solución canto antes e ante o que todos deberíamos ir a unha na defensa dos intereses de Galicia”, subliña Adrián Vázquez lamentando a postura dun BNG que “parece que quere que volvamos a vivir nos castros e sen electricidade” e dun PSdeG que “supostamente reclama enerxía eólica en Galicia pero en Bruxelas só pon pedras no camiño”.
O eurodeputado lalinense insiste ademais en que a resolución desta cuestión prexudicial terá afectación en todos os países europeos e, por iso, xunto a Francisco Millán Mon, xa contactaron cos ministros de Medio Ambiente doutros estados membros “para alertarlles desta situación tan preocupante”.
GALICIA RETROCEDE POSICIÓNS EN TERMOS DE POTENCIA EÓLICA
Pola súa banda, Ángeles Vázquez recorda que nos 11 anos de vixencia da Lei de avaliación ambiental estatal ningún tribunal albergou dúbidas sobre se o procedemento fixado nesta norma se axustaba ao dereito comunitario. De aí que sorprenda a “interpretación propia” realizada polo TSXG e pola que “de forma errónea” rexeita a forma de actuar do Goberno galego segundo o establecido, precisamente, na normativa estatal.
A responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Executivo autonómico remarca o seu convencemento de que a tramitación feita en Galicia baseouse na aplicación dunha lei acorde coa normativa comunitaria e por iso defende a actuación levada a cabo en todos os procedementos sometidos a avaliación ambiental desde 2013 (ano de aprobación da Lei de avaliación ambiental española).
Denuncia así mesmo a parálise que está a sufrir o sector eólico en Galicia debido ao “goteo constante” de recursos xudiciais contra as autorizacións de novos parques que levaron a que a nosa Comunidade pasase de ser líder en España en potencia eólica instalada a caer ata a cuarta posición.
Un retroceso que, afirma, ten a súa razón principal nesta parálise que impide que se poida avanzar no obxectivo de descarbonización e loita contra o cambio climático. Por iso agarda que o pronunciamento xudicial permita sentar doutrina e acabar así coa actual situación de inseguridade xurídica que afecta ao sector en Galicia.