O PPdeG destacou hoxe as “facilidades” que o Goberno de Alfonso Rueda ofrece aos autónomos galegos fronte a un Pedro Sánchez que “desprotexe” a este colectivo con “máis trabas, máis impostos e máis burocracia” e que está “máis preocupado dos seus problemas que dos traballadores”.
Así o trasladou hoxe en declaracións aos medios a secretaria xeral do partido, Paula Prado, logo de visitar o negocio dunha traballadora autónoma na cidade de Vigo e antes de reunirse coa Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) de Galicia. Fíxoo acompañada pola Comisión de Emprego do PPdeG e xunto ao responsable de Emprego do Goberno galego, José González, a secretaria provincial do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, e o coordinador de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández López.
A número dous dos populares galegos puxo a Ana Rocha, propietaria da Herboristería LavandaBio, como exemplo da “valentía” de todos eses traballadores autónomos que “arriscan os seus cartos e tempo para xerar riqueza e oportunidades en Galicia” e “non merecen que o Goberno de España diga que vería beneficioso que cada vez houbera menos autónomos”.
Fronte a este “desprezo” cara o traballo dos autónomos, Paula Prado reafirmou o compromiso do Goberno de Alfonso Rueda á hora de ofrecer “facilidades” a todo aquel que queira emprender, e especialmente no caso dos mozos e mozas que queiran iniciarse como autónomos en Galicia.
Nesta liña, puxo en valor o plan que o presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta semana co obxectivo de que os autónomos –algo máis de 210.000 en Galicia– “non se sintan desprotexidos polo Goberno do Estado”.
“Pedro Sánchez está tan ocupado en tapar os seus problemas políticos e a corrupción do seu partido que non lle queda tempo para pensar nos traballadores”, concluíu Prado ao fío da comparecencia do presidente onte no Senado.
Unha comparecencia que, na súa opinión, só serviu para constatar “o desprezo do sanchismo ás institucións democráticas, aos grupos políticos da oposición e ao traballo dunha Comisión que está investigando cuestións gravísimas”. Unha actitude da que fixo ademais cómplice ao alcalde socialista de Vigo, ao que acusou de ser “o máximo defensor do sanchismo e da súa deriva”.
O PESO DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS NAS AFILIACIÓNS GALEGAS
O responsable de Emprego no Goberno galego, José González, destacou que Galicia é a segunda comunidade con maior peso dos traballadores autónomos nas afiliacións, con arredor dun 20% (19,21%), preto de catro puntos por riba da media nacional (15,79%). Fronte aos atrancos do Goberno central, reafirmou o compromiso da Xunta no marco do Diálogo Social e como Administración facilitadora, confirmando en 2026 a orde única de axudas (preto de 41 M€), coa previsión de beneficiar unhas 9.000 persoas e negocios do colectivo autónomo.
Así, fixo fincapé en que se volverán aglutinar o Programa de promoción do emprego autónomo (máis de 28,9 M€), que consta de dúas liñas: unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade. Nese senso, destacou como novidade que esta cota cero se estenderá ata os 24 meses para quen se inicie en calquera sector asociado á agricultura, á gandaría e á silvicultura.
A maiores, a orde única inclúe o Bono Autónomo (8 M€), para consolidar negocios con polo menos 42 meses de actividade; o programa Nova Oportunidade (1,5 M€), para apoiar a quen volva emprender; o Bono Remuda (que se incrementa nun 20%, ata os 1,5 M€), para garantir a remuda xeracional; e o Bono Autónomo Concilia (750.000 €), con tres liñas diferentes.
José González salientou que a estas achegas engádense 1,7 M€ para a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador por parte de autónomos. Todas estas convocatorias, segundo lembrou, enmárcanse na Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, que contará no 2026 cun orzamento superior aos 2 M€.
UN PSOE QUE “NON SE CANSA DE RECADAR”
Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, reivindicou o papel das administracións locais á hora de favorecer a actividade dos autónomos. Unha disposición que contrasta coas “trabas impositivas” do Concello de Vigo, que encareceu o Imposto de Actividades Económicas un 4% nos dous últimos anos e volverá incrementalo nese mesma porcentaxe en 2026.
Tamén mencionou o “taxazo” aplicado no recibo do lixo “non só ás familias senón tamén ao sector servizos, composto por moitos autónomos”. Ao fío, lembrou que Vigo é a cidade coa tarifa de auga máis cara de Galicia, o cal tamén afecta a traballadores por conta propia ou microempresas.
Ademais, Luisa Sánchez lamentou a ausencia de campañas de apoio e de medidas que incentiven o consumo no comercio local promovidas desde o goberno municipal, aspecto abandonado polo alcalde de Vigo.
“Ao final, vemos que hai un partido, que é o Partido Popular, que fai a vida máis fácil aos autónomos e aos pequenos negocios; e outro partido, que é o PSOE, que non se cansa de recadar, xa sexa desde o Goberno de España ou desde os gobernos locais”, sinalou Luisa Sánchez.
 
			 
  
 