A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego a “pura contradición e incoherencia dos socialistas galegos porque, mentres en Galicia piden consensuar unha estratexia ante a nova política arancelaria de Estados Unidos, en Madrid, onde teñen responsabilidade de goberno, boicotean calquera acordo e non aceptan ningunha das propostas formuladas polo Partido Popular”. “Ante esta ameaza externa, a Xunta reaccionou con axilidade e acerto, poñendo instrumentos ao servizo das nosas empresas e ao sector produtivo galego”, indicou.
Cristina Sanz lamentou que aos socialistas “non lles interesa cambiar de socios e nin tan sequera nestas cuestións tan importantes son capaces de subscribir unha alianza co principal partido de España para protexer aos nosos sectores exportadores”.
Neste sentido, explicou que, desde o punto de vista económico, “o independentismo, aquí en Galicia representado polo BNG, está moito máis próximo das ideas proteccionistas de Trump que o Partido Popular, porque nós defendemos con convencemento o libre mercado convencidos de que os países non se enriquecen pechando fronteiras, senón abríndoas e xerando oportunidades de negocio”.
REPRESENTA SÓ O 2,58% DAS EXPORTACIÓNS
“A imposición unilateral de barreiras comerciais que defende Trump no só encarece os produtos, senón que tamén fragmenta as cadeas de valor e xera incerteza nos mercados financeiros”, indicou a viceportavoz popular, quen avanzou que “probablemente o impacto das medidas anunciadas por Trump en Galicia non sexa moi elevado ao representar tan só o 2,58 por cento das nosas exportacións, e iso que Estados Unidos tense convertido nun destino estratéxico para sectores de alto valor engadido como o agroalimentario, o vitivinícola, o cárnico, o metalúrxico ou o automobilístico”.
Cristina Sanz lembrou que “mentres Galicia amosou axilidade, capacidade de reacción e interlocución neste novo escenario, o Goberno de España non está a ter o mesmo dinamismo”. Deste xeito, considerou “sorprendente que os socialistas galegos propoñan a implantación dun plan específico para Galicia, porque iso demostra que ignoran as accións xa en marcha na Comunidade galega, que abarcan precisamente o que solicitan agora e incluso van máis alá”.
TRABALLAR DE XEITO COORDINADO
Neste sentido, manifestou que “consideramos fundamental traballar de xeito coordinado co Goberno central e a Unión Europea para defender os intereses das empresas galegas, á espera de coñecer como queda o escenario arancelario”. “Aínda así, o Goberno galego xa puxo en marcha, con carácter inmediato e anticipándose aos efectos da nova política arancelaria dos Estados Unidos, un conxunto integral de medidas deseñadas especificamente para apoiar aos sectores produtivos galegos”, sinalou.
En concreto, a viceportavoz popular referiuse ao Servizo de consultoría especializada en internacionalización, que axudará ás empresas a redeseñar a súa estratexia exterior e explorar mercados menos expostos ou emerxentes; ou as liñas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios ou o programa Foexga, centradas en reforzar a presenza internacional das pequenas e medianas empresas galegas.