O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes criticou hoxe no Parlamento galego a postura totalmente contraria ao que están a demandar os funcionarios da Administración local con habilitación nacional, que rexeitan o traspaso de competencias relacionadas coas súas materias profesionais ás comunidades autónomas.
Argimiro Marnotes considerou “preocupante que o Goberno de Pedro Sánchez prime as cuestións partidistas e siga no seu empeño de ceder, á carta e ás costas das restantes comunidades autónomas, as competencias sobre os funcionarios habilitados nacionais primeiro ao País Vasco e agora a Cataluña”. “Ademais, resulta sorprendente que o fagan en contra dos colectivos profesionais que xa manifestaron a súa oposición a esta nova posible cesión a Cataluña, advertindo tamén da súa inconstitucionalidade”, apuntou.
“O Goberno de España paga prevendas aos seus socios independentistas, sabedores do inconstitucional que resulta e do fraccionamento de igualdade de oportunidades para uns funcionarios que son prioritarios, esenciais e insubstituíbles na Administración local”, manifestou.
COBERTURA DAS PRAZAS VACANTES
O deputado popular incidiu que “a Xunta traballa para axudar aos concellos galegos a cubrir os seus postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación nacional” e mostra disto son as medidas postas en marcha desde o ano 2017 para evitar que os concellos se queden sen este persoal. En concreto, Marnotes lembrou a creación dunha bolsa de interinos para a cobertura destes postos de funcionarios, a través da que se fixeron máis de 390 chamamentos e logrando cubrir uns 180 postos reservados con interinos pertencentes ás bolsas autonómicas galegas.
“É imprescindible que se garanta a cobertura de todas as prazas vacantes de funcionarios con habilitación nacional existentes en Galicia mediante a incorporación das mesmas nas ofertas de emprego público, correspondendo a competencia ao Goberno do Estado”, sinalou Argimiro Marnotes, quen lamentou que “o número de prazas ofertadas por parte do Goberno central resulta sempre totalmente insuficiente, quedando sen cubrir cerca do 25 por cento das prazas convocadas”.
En concreto, asegurou que “a oferta adicional de 1.000 prazas aprobada polo Goberno central resulta claramente insuficiente para cubrir todas as vacantes que, segundo datos do Ministerio competente, ascenden a 4.020 en todo o territorio nacional”. Neste sentido, criticou que “nesta oferta adicional a Galicia só lle corresponde 31 prazas, baixo un reparto totalmente arbitrario e partidista, que non chegará para cubrir todas as necesidades dos concellos galegos”.
“Non se entende que non se proceda por parte do Goberno central a dar resposta a esta importante necesidade, sobre todo si se ten en conta que as retribucións das prazas vacantes de secretaría, intervención e tesourería son satisfeitas polas propias entidades locais e atópanse consignadas nos seus orzamentos, ao tratarse de postos de existencia preceptiva”, rematou.