Santiago, 23 de marzo de 2022.- A deputada do Grupo Popular Begoña Freire cualificou hoxe no Parlamento galego o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 de “caótico e un desastre, que require unha xestión moi complexa e con algúns programas absolutamente inaplicables”.
“O Goberno de Pedro Sánchez está a vender un programa anunciándoo antes de tempo, sen contar coa participación das comunidades autónomas, con errores manifestos no texto que o regula, sen ferramenta informática, e mentindo ao dicir que o bono alugueiro mozo vai a ser case xeneralista, cando a realidade é que en Galicia como moito vai chegar a 14 de cada 1.000 posibles beneficiarios pola limitación dos fondos destinados ao mesmo”, explicou.
Begoña Freire lembrou que o borrador do Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 foi enviado ás comunidades autónomas en xuño do pasado ano “e non volveu haber máis comunicacións do Ministerio ata que foi aprobado no Consello de Ministros do pasado 18 de xaneiro e publicado no BOE ao día seguinte”.
PROGRAMAS REPETITIVOS
“Trátase dun plan caótico con 13 programas repetitivos, moitos dos cales veñen a solapar os xa existentes na Comunidade galega, o que obriga a suprimir algúns deles para non repetir aínda máis as actuacións dirixidas ao mesmo fin”, sinalou. Ademais, apuntou que o novo plan de vivenda “obriga a un financiamento do 30 por cento por parte das comunidades autónomas, polo que o esforzo do Goberno central se reduce de forma substancial respecto de planes anteriores”.
En concreto, a deputada popular lamentou que se repitan os programas dirixidos ao fomento do alugueiro, mentres que a rehabilitación quede reducida a un programa de axudas para accesibilidade ás vivendas ou inmobles de vivendas. Ademais, as áreas de rehabilitación integral quedan fora do novo plan de vivenda, malia as propostas da Xunta neste sentido.
Respecto do bono alugueiro para mozos, Begoña Freire indicou que “todas as comunidades autónomas están agardando as aclaracións do Ministerio para realizar as convocatorias pertinentes, xa que para a súa correcta solución require unha modificación do Real-Decreto que o Ministerio se nega a concretar se vai a realizar ou non”. Neste sentido, lamentou que os estudos realizados revelan que os mozos que se poderían beneficiar desta axuda é meramente residual, que no caso de Galicia apenas chegaría ao 1,4 por cento dos posibles beneficiarios.
“Os problemas do plan de vivenda e do bono de alugueiro para mozos veñen derivados do feito de que o Ministerio deseñe programas sen contar con quen o vai a xestionar, que son as comunidades autónomas, sen ter en conta os seus criterios, nin as necesidades específicas de cada comunidade”, manifestou.
TRANSFERENCIA DO CRÉDITO E SINATURA DO CONVENIO
Begoña Freire explicou, ademais, que a Xunta “non pode publicar as convocatorias de axudas ata que o Goberno de España faga o que lle corresponde: a resolución de transferencia do crédito e que se asine o correspondente convenio entre ambas administracións”. Deste xeito, criticou que o delegado do Goberno “estea a percorrer as vilas galegas anunciando axudas que aínda non se convocaron e cuxa convocatoria corresponde á Xunta e non ao Goberno central”.
Para rematar, a deputada popular que o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, posto en marcha pola Xunta co aval de todos os axentes do sector, prevé mobilizar 1.100 millóns de euros e chegará a máis de 70.000 familias galegas, contribuíndo tamén a manter arredor de 30.000 postos de traballo. A través desta iniciativa, o Goberno galego habilitará este ano 30 liñas de axuda para comprar, rehabilitar ou alugar vivenda, entre os financiados con fondos propios, europeos e o plan estatal.