O Partido Popular de Galicia cualificou hoxe de “cinismo absoluto” as recentes declaracións do PSdeG respecto ao plan de rescate autonómico para o sector marisqueiro. Desde as filas populares advirten aos socialistas galegos que “non teñen lexitimidade ningunha para dar leccións” mentres o Executivo central segue dándolle as costas a miles de profesionais e ás súas familias en Galicia.
“É un insulto que o PSdeG se atreva a facer estas declaracións cando o Goberno central puxo exactamente cero euros enriba da mesa para axudar ás persoas mariscadoras galegas “, sinalan desde o PPdeG. “Pola contra, o Goberno galego actúa con rigor técnico, cunha folla de ruta clara e mobilizando uns 23 M€”.
Fronte á “pura propaganda socialista”, os populares puxeron en valor a inxección “real e tanxible” da Administración autonómica, que xa permitirá compensar ás persoas mariscadoras con ata 700€ mensuais por profesional por realizar traballos de recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros, ademais de destinar 1,5 M€ para a semente e outros 2 M€ adicionais para o apoio estrutural ao sector.
O “BULO” DAS AXUDAS ESTATAIS
O PPdeG lamenta as acusacións do PSdeG de que a Xunta “chega tarde”: “Se hai alguén que non chega nunca a axudar nas rías galegas ese é o Partido Socialista. Teñen a desvergoña de falar de atrasos cando as supostas axudas do Goberno central correspondentes aos anos 2023 e 2024 nunca chegaron a materializarse”, denuncian.
Neste sentido, os populares lembraron un agravio aínda maior: o pasado 10 de febreiro, o Consello de Ministros aprobou a declaración de Galicia como ‘Zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil’ debido aos últimos temporais. “Pois ben, mentres para outras comunidades autónomas esa declaración veu acompañada da activación de fondos inmediatos, para Galicia aínda non houbo absolutamente nada. Cero euros. Iso si é deixar tirado ao sector”, remarcan.
COTAS DA SEGURIDADE SOCIAL
Sobre a insistencia do PSdeG en que a Xunta bonifique as cotas da Seguridade Social das mariscadoras, o Partido Popular cualifícao de “manobra de distracción para tapar a falta de compromiso do Estado”.
A Seguridade Social é unha competencia estritamente estatal e os cartos recádaos o Estado. “O máis doado, o máis lóxico e o máis directo é que o Goberno central exima do pago destas cotas ás mariscadoras mentres non poidan faenar e se manteña paralizada a actividade extractiva. Que o Estado poña o seu grao de area e perdoe a cota en vez de pedirlle á Xunta que lla pague ao Estado con fondos autonómicos”, argumentan.
Finalmente, o PPdeG lanzou unha mensaxe directa aos cargos socialistas: “Se realmente queren axudar ás persoas mariscadoras, o que teñen que facer é deixar de facerse fotos de cara á galería co delegado e o subdelegado do Goberno e comezar a arrimar o ombreiro. Que vaian a Madrid a esixir que se liberen os fondos de zona gravemente afectada e que demostren con feitos, e non con notas de prensa baleiras, que lles importa o marisqueo galego”.