A Comisión de Cultura, presidida por Daniel Chapela, visitou en Mondoñedo a exposición dedicada a ‘Fuxan os Ventos’ e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro xunto ao alcalde, Manuel Ángel Otero.
O PPdeG asegura que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 é “unha nova falta de respecto á cultura galega, con retrasos nas poucas iniciativas xa comezadas e sen unha nova proposta cultural para investir nun sector que move o 3% do PIB de Galicia”.
Así o expresaron os populares nunha visita da Comisión de Cultura, presidida polo coordinador desta área, Daniel Chapela, a Mondoñedo, onde, no marco das San Lucas e acompañados do alcalde, Manuel Ángel Otero, e de cargos e militantes do partido, coñeceron a exposición comisariada por José Manuel Valín sobre ‘Fuxan os Ventos’ –grupo que cumpre 50 anos da súa creación–, e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro.
Alí, cuestionaron a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia de Lugo e coa súa cultura: “Mentres o PSOE galego e provincial tentan defender o indefendible, a realidade é que estas contas discriminan o potencial da provincia no eido cultural, un potencial que observamos en concellos ben xestionados coma o de Mondoñedo”. Nese senso, puxeron en valor “o enorme esforzo do equipo de goberno de Elena Candia e de Manuel Ángel Otero, que desde o 2015 desenvolveron propostas culturais de moita relevancia, situando este concello no mapa da cultura galega”.
Na mesma liña, destacaron “o talento dunha música galega sen fronteiras, chea de voces e cada día máis profesionalizada, que é quen de amosar o seu talento mediante a combinación de tradición e modernidade, de universalidade e de esencia do país”. “Cómpre seguir apostando por este sector e incluílo na programación cultural de calquera vila ou cidade, tal e como fai Mondoñedo con propostas como o Merlín Fest, que este ano tivo a persoeiros da nosa música como Davide Salvado”, sinalaron.
O TRABALLO DA XUNTA FRONTE AO “FUME” DO GOBERNO CENTRAL
Os populares tamén contrapuxeron “a política de vender fume do Goberno do Estado cos feitos e o traballo da Xunta”. “Nestes días estase a poñer en marcha unha nova edición do Bono Cultura, que mobilizará 2 millóns de euros mediante a emisión de 20.000 bonos culturais”, lembraron explicando que esta iniciativa, que xa demostrou o pasado ano o seu éxito, busca dinamizar o sector nun contexto de inflación e fomentar o consumo de bens culturais entre todos os galegos “sen importar a súa idade”.
Ademais, subliñaron “as diferenzas entre un Goberno galego, que consensúa as súas medidas co sector cultural, e un Goberno central cuxo ministro de Cultura preguntaba en Twitter ‘¿Tienes 18 años? Además de votar, puedes disfrutar los 400 euros del Bono Cultural Joven‘, nun intento máis de comprar o voto das persoas ante un ciclo electoral que aos socialistas se lles aventura complicado debido ao traballo de Alberto Núñez Feijóo e do seu equipo”.
Igualmente, salientaron a aposta da Xunta pola conservación e a mellora do patrimonio cultural, unha área que verá incrementado o seu orzamento nun 14% o vindeiro ano e que cubre proxectos como o da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, que recibiu 120.000 euros do Goberno galego para a súa rehabilitación. “Desde o PPdeG e desde a Xunta de Galicia existe un forte interese por protexer o noso patrimonio, un eido con gran presenza no PERTE cultural que se lle presentou ao Executivo central e que a día de hoxe segue paralizado pola súa negativa”, sentenciaron.