Santiago, 11 de febreiro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana dúas proposicións non de lei: unha de solidariedade co pobo de Venezuela e de apoio explícito a un proceso de democratización deste país; e unha segunda de rexeite dos orzamentos do Estado porque “non son bos para a senda de crecemento que está a ter Galicia”.
Respecto da concentración celebrada onte en Madrid, o portavoz popular, Pedro Puy, sinalou que “o Goberno de España debería ter en conta o descontento que teñen xerado algunhas das actuacións feitas respecto do problema catalán, en relación coa vixencia dunha Constitución que garante o autogoberno e o benestar de Galicia”.
Pedro Puy lembrou que a sesión plenaria que se celebra mañá e o mércores inclúe a comparecencia dos conselleiros de Infraestruturas e Mobilidade, para informar do calendario e das perspectivas do Plan de Transporte Público de Galicia; e do Medio Rural, para dar conta das liñas xerais de actuación do seu departamento.
Nesta sesión plenaria, o Grupo Popular defenderá dúas proposicións non de lei. A primeira delas está relacionada coa situación que se está a vivir en Venezuela “e que nos leva a ser solidarios”. En concreto, esta iniciativa demanda do Parlamento galego “o apoio explícito a un proceso de democratización deste país, que debe xirar arredor da Asemblea elixida polo pobo venezolano e o apoio a quen o Goberno de España vén de recoñecer como Presidente encargado de Venezuela”. Así mesmo, Puy explicou que se apoia “a distribución da axuda humanitaria, que co peche da fronteira está impedindo a súa distribución entre os venezolanos; e se ratifica o apoio que a Xunta está tendo cos galegos que residen en Venezuela”.
En segundo lugar, o Grupo Popular pedirá, a través dunha proposición non de lei, que o Parlamento galego rexeite o proxecto de orzamentos do Estado. Neste sentido, Puy considera necesario “expresar como Parlamento que estes orzamentos non so bos para a senda de crecemento que está a ter Galicia, con medidas que van afectar ao crecemento da economía galega e española, así como á creación de emprego”. Ademais, lembrou que se tratan dunhas contas públicas nas que “crecen os investimentos territorializados de Fomento, pero que se reducen significativamente para Galicia”.
NECESIDADE DE RECAPACITAR
Cuestionado sobre a concentración celebrada onte en Madrid, o portavoz popular sinalou que “todas as manifestacións, especialmente cando son multitudinarias, son unha forma de expresión por parte de quen participa nela, así como un toque de atención e forma de expresar o descontento da xente nun momento non que non hai eleccións”.
“Todos aqueles que exercen o goberno deben respectar o dereito fundamental á manifestación dos cidadáns e tomar nota e intentar averiguar se ese tipo de mobilizacións, máis alá de que se comparta todo o que se manifesta por parte dos que participan, teñen algo que implique a necesidade de recapacitar sobre os motivos que levan á xente a mobilizarse”, afirmou.
O portavoz popular manifestou que “todo o que afecta á cuestión territorial é algo que lle importa moito a Galicia, xa que o Estado das Autonomías ten permitido un crecemento e unha converxencia da nosa comunidade” respecto das demais autonomías”.
Puy asegurou sentirse “cómodo cando o meu partido convoca unha manifestación en defensa da Constitución, dos Estatutos das Autonomías e da solidariedade interterritorial”. Neste sentido, apuntou que a situación “debe pasar factura a quen está en contra de respectar o que di a Constitución, aos que apoian ao independentismo e o soberanismo, ou aos que din que os tribunais son franquistas se non lles dan a razón”.