Santiago, 2 de abril de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se expresa o rexeitamento do Parlamento galego ao cambio de criterio da Avogacía do Estado, logo de allanarse dos recursos interpostos contra o acordo do Goberno do Estado respecto da prórroga concedida á empresa Ence en Pontevedra. Así mesmo, o Grupo Popular demandará que o Ministerio de Fomento remita á maior brevidade a Galicia, Asturias e Castela e León o Plan Director para o Corredor do Atlántico, de xeito que poida ser avaliado por estas comunidades autónomas.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz popular, Miguel Tellado, informou que na sesión plenaria da vindeira semana procederase ao debate para a súa aprobación do proxecto de lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. “O seu obxectivo básico é facilitar a recuperación do patrimonio construído, evitar o seu abandono e favorecer a súa transformación nun factor de dinamización económica e social”, explicou.
Así mesmo, Tellado engadiu que con esta nova lei “preténdese alcanzar unha Galicia máis atractiva para vivir, traballar e visitar, para o que se facilita a recuperación do construído, se fomenta a cultura da rehabilitación e se impulsa a dinamización económica, social e demográfica”.
ATAQUE INDISCRIMINADO Á INDUSTRIA
O Pleno incorpora a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para informar sobre a situación do sector industrial galego, nomeadamente as empresas electrointensivas. “Estamos ante un ataque indiscriminado do Goberno de Pedro Sánchez á industria en xeral do noso país”, manifestou Miguel Tellado, quen engadiu que “o sector das electrointensivas está en xaque, pero tamén o sector forestal a través das trabas para a continuidade de ENCE; o sector da automoción, logo do dieselazo; e o sector enerxético, co anunciado peche das centrais térmicas”.
Diante desta situación, o viceportavoz popular referiuse aos datos do paro publicados hoxe e salientou que o desemprego “baixa máis en Galicia que no conxunto do Estado”. En concreto, o número de parados no último ano na Comunidade galega descendeu en 14.262 persoas, o que supón unha baixa do 7,70 por cento, case tres puntos máis que a media nacional e situando a Galicia en niveis de paro moi inferiores aos de hai 10 anos. O descenso do desemprego beneficia principalmente a colectivos prioritarios como os menores de 30 anos (-6,17%), parados de longa duración (-14,27%) e mulleres (-5,75%).
Así mesmo, subliñou que “Galicia volve a superar a barreira do millón de afiliados á Seguridade Social”, logo de cinco anos consecutivos de subidas constantes.
LEALDADE INSTITUCIONAL
Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular na sesión plenaria, Tellado informou que “solicitaremos que o Parlamento exprese o seu rexeitamento ao cambio de criterio da Avogacía do Estado de allanarse aos recursos interpostos contra ao acordo do propio Goberno do Estado de prorrogar a concesión a Ence en Pontevedra”. “Pedimos que o Goberno central asuma o compromiso expreso cos máis de 5.000 postos de traballo ameazados, así como coas 80.000 familias galegas que verían afectadas as súas rendas da venda de madeira”, apuntou.
Ademais, a iniciativa insta ao Goberno do Estado a salvagardar os principios de lealdade institucional, cooperación e coordinación entre administracións, porque “non é de recibo que o Goberno galego se entere desta decisión a través dos medios de comunicación”. Por último, solicita a avaliación dos custos que a declaración de nulidade da prórroga podería implicar para o erario público en concepto de responsabilidade patrimonial do Estado.
PLAN DIRECTOR DO CORREDOR ATLÁNTICO CONSENSUADO
A segunda proposición non de lei incorporada ao Pleno polo Grupo Popular ten como obxectivo que o Ministerio de Fomento remita á maior brevidade o documento íntegro do Plan Director para o Corredor Atlántico, presentado o pasado 20 de febreiro en Madrid, de xeito que poida ser avaliado en profundidade polas comunidades autónomas de Galicia, Asturias e Castela e León.
O obxectivo é que este documento sexa consensuado entre Goberno do Estado e comunidades autónomas, e recolla unha planificación e proxectos concretos de calidade para conseguir fondos europeos que se traduzan nunha verdadeira modernización desta liña ferroviaria e a sitúen no mesmo nivel de prioridade que o Corredor Mediterráneo.
Por último, o Grupo Popular preguntará no Pleno ao Goberno galego sobre as medidas que está a impulsar para garantir o abastecemento de auga á poboación ante posibles episodios de seca; sobre as obras previstas en centros educativos da rede pública galega durante 2019; e sobre os posibles contactos establecidos por outras administracións coa Consellería do Mar para a implantación de melloras produtivas na ría de Ferrol.