Santiago, 6 de febreiro de 2021.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que solicita ao Goberno central que corrixa o erro cometido na nova lei de educación (LOMLOE) respecto do profesorado técnico de formación profesional e permita a este colectivo ter posibilidades de integración no corpo de profesores de ensino secundario.
Nunha reunión telemática con profesores afectados, o portavoz popular de Educación, Ovidio Rodeiro, afirmou que esta decisión “denota un descoñecemento absoluto do Goberno central sobre a organización do ensino de FP”, ao tempo que criticou “o seu desprezo á participación e a incorporar correccións” na tramitación parlamentaria.
Ovidio Rodeiro explicou que a redacción desta modificación da Lei orgánica de educación supón a extinción do corpo de profesores técnicos de formación profesional, “xerando unha enorme inestabilidade neste colectivo docente”. “Tamén supón un obstáculo para a consolidación da formación profesional, porque deixa nunha situación de indefinición administrativa e laboral ao profesorado técnico de FP, tanto do persoal funcionario de carreira como daquel persoal interino e substituto nas listas de profesorado das distintas especialidade”, sinalou.
ACCIÓNS DA XUNTA E O GRUPO POPULAR
“Ademais, esta nova lei deixa dunha situación comprometida ao profesorado interino e substituto nas listas, porque non se concreta se poderían seguir desempeñando a labor docente, nin as condicións, nin en que modalidade de relación laboral e contractual quedan”, engadiu.
Esta problemática situación motivou a preocupación tanto da Xunta de Galicia como do Grupo Popular. Por elo, o Goberno galego fixo unha ampliación da oferta de prazas da oposición 2020 para, dentro do marco legal, incrementar a oferta dirixida a este colectivo.
Pola súa banda, o Grupo Popular tamén defendeu o pasado 29 de xaneiro unha emenda na Comisión 4ª, que non foi aceptada polo BNG, a través da que se pedía ao Ministerio de Educación que todo o profesorado técnico de FP se integre no corpo de profesores de ensino secundario. “Consideramos que se este persoal accede ou ingresa no corpo de profesores de ensino secundario, xa gozará dos mesmos dereitos salariais e laborais que o resto do profesorado”, apuntou Ovidio Rodeiro.
SOBERBIA E FALTA DE TALANTE DEMOCRÁTICO
O portavoz popular criticou “a soberbia e falta de talante democrático coa que o Goberno central tramitou esta modificación da Lei de educación, xa que, por primeira vez na historia, vetáronse as comparecencias de responsables do Ministerio durante a tramitación parlamentaria e o texto non foi informado polo Consello de Estado”.
“Lamentablemente, chegaron ao punto de negarse a aceptar emenda algunha e a corrixir erros no trámite parlamentario, ata o punto de rexeitar todas as alegacións no Senado”, lembrou Rodeiro, quen indicou que “optaron por vender o papel central da educación a cambio de intereses político-partidistas”.
Para rematar o encontro cos profesores afectados, o portavoz popular insistiu que “seguimos crendo nas moitas posibilidades que ofrece a FP na Comunidade galega e somos conscientes do esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para incrementar os ciclos e o número de alumnos que seguen este tipo de oferta educativa, na que se debe contar co mellor profesorado”.