Santiago, 26 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que permita aos concellos utilizar os seus remanentes de tesourería positivos para a devolución do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana indebidamente cobrado.
O portavoz popular, Pedro Puy, lembrou que unha sentenza do Tribunal Constitucional do pasado mes de maio declarou inconstitucionais e nulos os dous artigos da Lei Reguladora de Facendas Locais que establecen o mecanismo de cuantificación do imposto de plusvalía “unicamente na medida que someten a tributación situacións de inexistencia de incrementos de valor”.
RECADAR SEN INFORMAR
“Porén, os concellos seguen a recadar esta plusvalía, e non están a informar aos contribuíntes da perda do seu dereito a reclamar polo transcurso dos catro anos de prescrición”, indicou Puy. Ademais, apuntou que “nun momento no que moitos concellos teñen superávit nas súas contas, parte deste superávit procede dun imposto que está sendo indebidamente recadado en moitos casos”.
Deste xeito, desde o Grupo Popular solicítase que o Goberno do Estado permita aos concellos utilizar estes remanentes de tesourería positivos para a devolución da Imposto sobre a plusvalía municipal.
Así mesmo, demándase que os concellos habiliten mecanismos para proceder, do xeito máis eficaz posible e mediante procedementos áxiles, á devolución aos contribuíntes afectados das cantidades indebidamente recadadas nos supostos declarados inconstitucionais polo Tribunal Constitucional; ao tempo que se potencia a información á cidadanía do dereito que lles asiste para reclamar a devolución da plusvalía cobrada indebidamente nos casos de vendas a perda e de que ese dereito se extingue polo transcurso do prazo de prescrición de catro anos.
Por último, a proposición non de lei avoga porque nas declaracións pola plusvalía que se presenten a partir da citada sentenza do Tribunal Constitucional e respecto das que se acredite a existencia dunha perda patrimonial, non se proceda ao cobro do imposto en aplicación da devandita sentenza.
RESPALDO AO GOBERNO
Cuestionado sobre o conflito do persoal da Administración de Xustiza, Pedro Puy afirmou que o Grupo Popular “respalda o que está a facer o Goberno galego” e avogou “para que as posicións das partes sexan flexibles para acadar un acordo que poña fin a esta folga”.
Respecto da posible venta do Pazo de Meirás por parte da familia Franco, o portavoz popular dixo que “mantemos a nosa postura inicial de que non é de recibo que unha familia faga negocio cun ben que foi adquirido nun momento da historia de España que fai dubidar sobre a adquisición lexítima desa propiedade”. Neste sentido, subliñou que “foi cedido cunha finalidade que rematou hai máis de 40 anos” e indicou que “non se trata dunha propiedade privada coa que se pode facer negocio”.
Puy lembrou a existencia dunha comisión de expertos que “está a estudar este asunto e buscar a acción xurídica conveniente para que o pazo de Meirás poida rematar en mans públicas”. Neste sentido, demandou que “non se faga negocio cun ben que debería ser recuperado para o público” e afirmou que “a forma máis sinxela sería que a familia asuma en que condicións foi adquirido ese ben e, como forma de recoñecemento de que esas non son maneiras de adquirir un ben e facer negocio con el, o devolvese á poboación galega”.
ENTREVISTA CON SOCIETAT CIVIL CATALANA
Por outra banda, o portavoz do Grupo Popular reuniuse esta mañá co presidente de Societat Civil Catalana, José Rusiñol, con quen departiu sobre as diferencias que se dan entre Galicia e Cataluña respecto dos sentimentos identitarios.