Paula Prado, Ana Vázquez e Marta González reuníronse co secretario xeral en Galicia do Sindicato Unificado de Policía, Roberto González, e co Comité provincial da organización na Coruña
O PPdeG demanda a inclusión da Policía Nacional e da Garda Civil como profesión de risco, una petición que solicitará o partido no Congreso do Deputados a través dunha proposición non de lei.
“A día de hoxe non se concibe que as pensións da Policía Nacional e a Garda Civil sexan iguais a un administrativo do Estado. Non é o mesmo un traballo de oficina que un de seguridade”, resaltan os populares ao lembrar que esta inclusión xa foi aprobada para a Policía Local e para corpos autonómicos como a Ertzaintza.
“Chama a atención que a día de hoxe non se considerase á Policía Nacional e á Garda Civil profesión de risco cando hai outras así recoñecidas en España como os artistas, os bombeiros ou o persoal de voo”, lamentan os populares. “Consideramos que o traballo que realizan, un labor que moitas veces fan en condicións precarias e arriscando a súa vida, debe incluírse como profesión de risco”, insisten.
Precisamente esta reivindicación foi tratada na xuntanza que mantiveron en Santiago de Compostela a número dous dos populares galegos, Paula Prado, e as deputadas do PPdeG no Congreso Ana Vázquez —secretaria de Interior do PP nacional— e Marta González co secretario xeral en Galicia do Sindicato Unificado de Policía, Roberto González, e co Comité provincial da Coruña de dita organización, durante a semana de conmemoración do Día da Policía.
Os populares galegos manifestan o seu apoio ás iniciativas para mellorar as condicións laborais, materiais e económicas dos cadros de persoal de Policía Nacional, que engadiron outras demandas como as relacionadas coas dietas, lugares de aloxamento e desprazamentos; coa xubilación, as clases pasivas e o copago de medicamentos; co cumprimento do acordo de equiparación salarial; coa reclasificación ao Grupo B; cos medios materiais e coa inhabilitación especial para cargo público.
Así mesmo, este sindicato expresou as súas peticións para as comisarías locais de Ribeira, Ferrol e Santiago, e para a comisaría provincial da Coruña, entre as que destacan as que teñen que ver co catálogo de postos de traballo e a súa ampliación e co número de axentes.
Concretamente, no que respecta á comisaría de Ribeira, apuntan tamén o problema que supón o aumento da delincuencia; no caso de Ferrol, fan referencia á construción dunha nova comisaría e á creación do grupo UPR; mentres que, sobre a de Santiago de Compostela, salientan a necesidade de subir o rango desta comisaría para obter o status de provincial, de dotala con catálogo específico de instrutor de tiro e de asumir a competencia das Unidades de Vixilancia de Edificios Xudiciais.
Igualmente, entre as reivindicacións para a comisaría provincial da Coruña, sinalan as relacionadas coa convocatoria de todas as vacantes, co número de efectivos da Unidade de Intervención Policial e coa problemática da supresión de distritos.