O Partido Popular de Galicia denuncia que o PSOE galego e o BNG están situados ao carón de Pedro Sánchez na súa pretensión de enganar a todos os galegos e galegas e acúsaos de primar os intereses do independentismo catalán fronte aos intereses de Galicia.
En declaracións aos medios sobre asuntos de actualidade esta mañá nunha visita a Vilagarcía de Arousa, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, asegurou que “unha vez máis o Goberno central rectificou obrigado polo independentismo catalán e só para que Sánchez siga no poder, non para servir aos españois”.
Nesta liña defendeu que o Partido Popular “segue estando onde sempre estivo”, que é “a favor da subida das pensións, dos descontos no transporte público, das axudas a Valencia e da propiedade privada e en contra das subidas de impostos, da protección aos okupas e da manipulación e a chantaxe constante de Sánchez”.
A número dous dos populares galegos acusou ao alcalde de Vilagarcía, o socialista Alberto Varela, de ser “un dos soldados máis fieis de Pedro Sánchez con todo o que iso supón” e de pertencer a un PSOE “contaminado de sanchismo”.
Unha “contaminación” que, tal e como explicou, se manifesta en que o socialismo “xa non quere saber nada dos concellos porque só pensa en dar privilexios aos seus” e, do mesmo xeito, “xa non quere saber nada de institucións independentes porque só pensa en asaltalas”.
“Só así se entende que o PSOE estea perdendo fondos en todos os concellos que goberna e que tamén, con Alberto Varela á fronte, a Fegamp se convertera nunha plataforma de ataque político en vez de ser unha ferramenta de consenso para levar as revindicacións de todos os concellos galegos a bo porto”, afirmou.
Paula Prado invitou así ao presidente do organismo que representa aos concellos galegos a defender o financiamento municipal solicitando ao Goberno central que permita ás entidades locais o uso dos seus remanentes orzamentarios “naquilo que precisan e non no que Pedro Sánchez decida de xeito unilateral”.
ANA GRANJA: “O PSOE ESTÁ CANSADO DE GOBERNAR VILAGARCÍA”
Ao fío das declaracións da secretaria xeral do PPdeG denunciando que Vilagarcía é “o único dos dez principais concellos de Galicia que perde poboación” e que ademais “deixou escapar 2 millóns de euros de fondos europeos Edusi”, a líder local do partido quixo poñer en evidencia “o declive” ao que o PSOE levou á vila.
“É terrible que Vilagarcía estea perdendo poboación pola actitude dun Goberno local que dificulta e non apoia aquelas iniciativas que potenciarían o noso concello e que ofrece a mentira como única solución”, indicou Ana Granja acusando ao equipo de Alberto Varela de estar “desmotivado, aburrido e cansado de gobernar” e reivindicando a oposición “crítica pero propositiva” do Partido Popular.
BAYÓN: “ESTA LEXISLATURA É DE TODO MENOS PRÓSPERA”
Pola súa banda, o deputado no Congreso Juan Andrés Bayón tamén quixo referirse á situación nacional e denunciou as manipulacións de Pedro Sánchez ao “separar agora un decreto que era inseparable e que se reduciu de 80 medidas a 29”.
“O PSOE terá que explicar aos vilagarciáns por que intentaron manipulalos e enganalos e por que agora teñen que dar marcha atrás para poder seguir adiante nunha lexislatura que é de todo menos próspera para a cidadanía”, afirmou.