O PPdeG esixe a dimisión de José Tomé dos seus cargos como deputado provincial e como alcalde de Monforte de Lemos e pon o foco nun BNG ao que invita a “romper dunha vez por todas” co PSOE e a “poñer os dereitos das mulleres por riba das súas ansias de poder”.
Nunha rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede autonómica do partido, a secretaria xeral Paula Prado amosou o seu rexeitamento “como muller, como galega e como política” cara os comportamentos coñecidos nas últimas horas de José Tomé e trasladou o apoio do PPdeG a todas as presuntas vítimas que denunciaron ao político socialista por acoso sexual.
“Estamos preocupados porque, cada vez con máis frecuencia, se repite un patrón de conduta bastante preocupante no PSOE”, asegurou afeando aos socialistas que “nunca saben nada” e que “presumen de que feminismo e socialismo son o mesmo cando a verdadeira realidade do que pasaba con moitos dirixentes do partido eran comentarios denigrantes contra as mulleres, consumo de prostitución e actitudes moito máis que inadecuadas no ámbito laboral”.
A número dous dos populares galegos acusou á “cúpula socialista” de “coñecer e amparar” todo isto e por iso sostén que o PSOE “non ten absolutamente ningunha autoridade moral para falar en nome das mulleres”. Neste sentido, pediulle aos dirixentes socialistas que trasladen á Fiscalía as denuncias de todas as mulleres que relataron situacións de acoso sexual.
“Ese sería o paso normal dun partido que pretende ser feminista, pero por agora está moi lonxe”, concluíu subliñando a “hipocrisía tremenda” de que todos estes feitos “gravísimos” veñan do mesmo partido que “pretendía enarborar a bandeira do feminismo en exclusiva e acusaba de machismo a todo o mundo”.
O BNG E O SEU ‘FEMINISMO’
Paula Prado considera que a hipocrisía do PSOE é a mesma que a dun BNG que “hai uns días ameazaba a sede do PP de Santiago para conmemorar o 25-N, que insulta e desexa bombas nas partes íntimas ás mulleres do PP, que segue apoiando a Lei do ‘só si é si’ e que non levantou a voz co escándalo das pulseiras antimaltrato”.
Por iso desde o PPdeG agardan que, neste caso, o independentismo galego se poña “enfronte” na Deputación e no Congreso e “rompa dunha vez” co PSOE ao tempo que se preguntan “que máis ten que pasar” para que isto suceda.
“Se o BNG realmente, como di, quere ao agresor fóra das institucións, está nas súas mans sacalo”, subliñou a secretaria xeral dos populares galegos poñendo o foco no papel deste partido como “parte da ecuación de goberno” da Deputación de Lugo. Unha institución que, insiste, “depende exclusivamente de Tomé e do BNG”.
A dirixente popular argumentou que a situación actual de José Tomé “debería bastar para afastalo de calquera decisión institucional mentres se esclarezan os gravísimos feitos denunciados por varias mulleres” e que “non se pode falar de feminismo e de ‘tolerancia cero’ mentres se sostén o poder grazas a un voto baixo sospeita”.
“Se realmente Ana Pontón considera de tanta gravidade estas denuncias e quere solidarizarse coas vítimas, non pode manterse no Goberno da Deputación de Lugo co voto dun presunto agresor sexual”, concluíu defendendo que, no caso contrario, o BNG “estaría cambiando a defensa e o apoio ás vítimas polo poder na Deputación”.
O DANO PARA A IMAXE DE LUGO E DE MONFORTE DE LEMOS
Facendo un balance de todo o coñecido ata o de agora, Paula Prado explicou que nestes momentos tanto José Tomé como o PSOE “segue sen dar explicacións sobre o acontecido e sen aclarar o contido das denuncias presentadas polas presuntas vítimas” e que os máximos responsables do PSdeG “seguen sen aclarar se eran ou non coñecedores destes feitos”.
“É unha pena que se estea falando en toda España de Lugo e de Monforte de Lemos por esta cuestión e non polas necesidades que teñen esta provincia e este concello”, lamentou en último lugar.