O Partido Popular de Galicia incidirá nos próximos meses no Parlamento galego no seu rexeitamento ao “cuponazo independentista” porque “non se pode tolerar que se deteriore o que é de todos” e porque “non pode haber españois de primeira e españois de segunda”.
Así o anunciou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa que ofreceu no propio Pazo do Hórreo e na que invitou ao PSOE e ao BNG a apoiar esta iniciativa parlamentaria “polo ben de Galicia” e, polo tanto, desistir no seu apoio a Pedro Sánchez e ao independentismo.
“O cuponazo independentista é o enésimo agasallo de Sánchez ao separatismo e o enésimo agravio de Sánchez a Galicia”, asegurou ao tempo que recordaba a entrevista radiofónica na que a vicepresidenta do Goberno e ministra de Hacienda, María Jesús Montero, “acusou ao presidente Rueda de inventar bulos cando este avanzou que se lle ía condonar a débeda a Cataluña e que isto suporía darlle a uns o que se lle nega a outros”.
Na súa opinión, “o tempo puxo a cada un no seu lugar” e así se constatou esta semana co acordo entre o Goberno de España e o independentismo catalán. Un acordo que Prado cualificou de “auténtico disparate” preguntándose “cales serán as próximas liñas vermellas que se superarán só para que Pedro Sánchez poida seguir un pouquiño máis no seu cargo”.
“O independentismo catalán non se vai saciar, pero Sánchez prefire seguir tendo unha prórroga tras outra e seguir alongando a súa agonía”, engadiu subliñando que este acordo “significa romper unha vez máis coa igualdade entre territorios” e que “non ten nada que ver coa convivencia, senón coa conveniencia”.
Por iso lamentou o apoio tanto dun PSdeG que “segue submiso ao presidente máis dañino da historia para os intereses de Galicia” como dun BNG que “só pensa nos seus socios independentistas e en manter no poder a Sánchez sen importarlle sequera ser cómplice da súa corrupción”.
A número dous dos populares galegos concluíu invitando a ambas formacións a explicar “por que non se poñen dunha vez a favor de Galicia e non a favor de Sánchez e do independentismo, por que prefiren poñer en risco os servizos públicos e que Galicia teña que pagar millóns de euros máis cada ano e por que queren desaparecer o sistema de financiamento autonómico”.
MEDALLA DE OURO Á PRINCESA LEONOR
Paula Prado tamén fixo mención na súa intervención á concesión da Medalla de Ouro de Galicia á Princesa Leonor apuntando que foi “un recoñecemento merecido e co que a gran maioría dos galegos e galegas se identifican”, tal e como “quedou patente co cariño que recibiu a Princesa nos últimos días e tamén co agradecemento que xurdiu das súas palabras durante o acto”.
“Desde o Partido Popular salientamos os valores que representa a Coroa de España, máis necesarias que nunca”, remarcou afeando a actitude amosada ao respecto por PSOE e BNG. “Quedaron retratados co seu desprezo a unha institución e ao máximo recoñecemento de Galicia”, afeoulles antes de recomendarlles que elixan “se queren seguir guiándose polo radicalismo ou se prefiren seguir camiñando en dirección contraria aos galegos e galegas”.