Os populares presentarán unha moción nos 82 concellos costeiros galegos para que “o noso litoral deixe de dirixirse desde un despacho de Madrid”
A secretaria do PPdeG, Paula Prado, avanzou que os populares presentarán unha moción en cada Pleno dos 82 concellos costeiros da Comunidade para instar ao Goberno central a transferir o antes posible á Xunta a xestión de todas as competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre: “Non queremos que a nosa costa sexa un xoguete roto nas mans de Sánchez e que el gañe a costa de Galicia”.
Tras unha reunión á que acudiron os alcaldes de Porto do Son, Sanxenxo e O Vicedo —Luis Oujo, Telmo Martín e Jesús Novo— en representación das tres provincias costeiras e a coordinadora de Medio Ambiente do PPdeG, Marisol Díaz Mouteira, Prado resaltou que non ten sentido que quen mellor sabe xestionar o litoral galego, “a Xunta da man dos concellos”, non conte coas ferramentas para facelo e “a nosa costa se dirixa desde un despacho de Madrid”.
Por este motivo, criticou que Sánchez “siga mantendo o seu egoísmo sobre a costa de Galicia” e que ademais o faga “a costa dos galegos que ven ameazadas as súas vivendas, das empresas da cadea mar-industria que ven ameazados centos de postos de traballo, das depuradoras que sanean os nosos municipios e doutros centos de edificacións de todo tipo”.
Igualmente, explicou que non se trata dun capricho, senón dun dereito do que xa gozan outras Comunidades, malia que a nosa é a que ten máis quilómetros de costa. Segundo subliñou, é unha petición necesaria, meditada e fundamentada coa que se evitarían os constantes ataques que levan sufrindo durante meses 4.000 edificacións do noso litoral: “Non lle parece suficiente, señor Sánchez, coas ameazas que supoñen a Lei de cambio climático, o Regulamento de Costas e o Plan estratéxico de protección da Costa que agora quere negarlle a Galicia unha xestión que está no seu dereito?”
Prado tamén lembrou que a Xunta ten argumentos suficientes para defender que non é necesaria a reforma do Estatuto de Autonomía e que, se o Goberno central quixera, mañá mesmo se poderían iniciar as negociacións. De feito, esta é unha cuestión sobre a que non se poñen de acordo no Partido Socialista, xa que mentres o delegado do Goberno asegura que é preciso modificar a normativa autonómica, a deputada Patricia Otero di no Parlamento que hai vías legais suficientes para asumir esa xestión sen necesidade dunha reforma: “Que se aclare primeiro o PSOE e deixe de enganar aos galegos e galegas”.
Así mesmo, salientou que este a xestión destas competencias é un dos temas que debería protagonizar a xuntanza do presidente Alfonso Rueda con Pedro Sánchez, “unha reunión pola que seguimos agardando e que está a supoñer un desprezo non á Xunta, senón a todos os galegos”.
O “ERRO IMPERDOABLE” DE FORMOSO
Por outra banda, Prado lamentou a actitude do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que criticou que a fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri se instale en Palas de Rei, dando por feito que os principais proxectos da candidatura galega aos fondos europeos se poden quedar fóra do reparto mentres Goberno non para de anunciar miles de millóns de euros para iniciativas que se levarán a cabo noutras Comunidades.
A número dous do PPdeG sinalou que non se entende que Formoso poña en dúbida a solvencia desta fábrica, unha oportunidade única para toda a provincia de Lugo e para toda a Comunidade, e máis cando a propia ministra para a Transición Ecolóxica xa definiu o proxecto como innovador e que cumpre con todos os criterios establecidos no Plan de Recuperación.
Como apuntou, a posición do socialista “non está á altura” e comete un “erro imperdoable” ao antepoñer os intereses do Goberno e do PSOE aos de Galicia. “Con tanto cargo é lóxico que ás veces se confunda e descoide parte das súas responsabilidades a nivel autonómico”, ironizou.
Non obstante, aclarou que Formoso está a tempo de rectificar apoiando a posición da Comunidade, que é a que defenden os populares: “Pedimos un trato xusto e ter as mesmas oportunidades. Non hai dereito a que o Goberno central vaia por outros sitios de España comprometendo un montón de cousas e a Galicia se nos diga que xa veremos”.
O PP, O MELLOR PROXECTO PARA ANDALUCÍA
A secretaria xeral tamén se referiu na súa intervención aos comicios andaluces, poñendo en valor que os populares nesta Comunidade contan cun proxecto sólido e que protexe a Andalucía da fragmentación, da división e do populismo con Juanma Moreno á fronte, “o mellor presidente posible”: “Estou segura de que os andaluces sairán a votar e o farán buscando a maioría absoluta do PP, a única formación que ofrece certezas e seguridade neste momento en España”.