Levarase aos municipios a declaración institucional que os nacionalistas bloquearon no Parlamento, negándose a condenar o vandalismo
O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, anunciou que os populares levarán a todos os concellos de Galicia a declaración institucional en contra da violencia e en defensa das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que os nacionalistas bloquearon no Parlamento, negándose a condenar os actos vandálicos destes días en diferentes cidades españolas. Deste xeito, obrigarán ao BNG a elixir se está do lado dos demócratas ou dos radicais, “dos que defenden a lei e a convivencia ou dos que queren destruíla”.
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral lamentou a deriva radical deste partido, recordando tamén a participación de Ana Pontón nun mitin de ERC xunto a Arnaldo Otegi e a Oriol Junqueras, dous criminais condenados pola xustiza; e a súa negativa a asistir a un acto de apoio á Constitución polo 23-F, xustificáronse con teorías da conspiración que foron superadas hai décadas.
Segundo apuntou, a transformación xa é completa: “Encontrámonos co Bloque Independentista Galego porque o seu plan é o mesmo que o dos secesionistas e radicais de Cataluña e País Vasco, bloquealo todo e confrontarnos a todos para sacar réditos políticos da división e o enfrontamento”.
Por todo isto, pediu á formación de Pontón que recapacite e que volva á senda da legalidade e a convivencia xa que “non se pode ser antisistema desde a moqueta do Parlamento, non se pode estar en contra das institucións cobrando un soldo público desde hai 20 anos e non se pode poñer o traxe de deputada pola mañá e alentar á queima de colectores pola noite”.
A DESAPARICIÓN DOS SOCIALISTAS
Así, mentres que desde o PPdeG traballan por apoiar a todos os galegos fronte ás dificultades desta pandemia, Miguel Tellado cuestionou que os partidos da oposición non estean á altura e sigan desaparecidos, manténdose entregados á súa axenda partidista.
De feito, afeou que o PSOE en Galicia só estea preocupado pola guerra interna que libran polo liderado do partido. “Cun ollo posto en Madrid e outro en Besteiro, Gonzalo Caballero non ten tempo para a Comunidade. A súa única preocupación é agradar a Pedro Sánchez para que o manteña un día máis á fronte do PSdeG”, subliñou.
“Esperamos que as loitas internas no PSOE rematen e que volvan canto antes ao traballo por Galicia e polos galegos, nun momento de máxima necesidade”, manifestou.
O SACRIFICIO DA HOSTALERÍA
O secretario xeral insistiu no esforzo que fixeron todos aqueles que aguantaron durante semanas coa porta do seu negocio pechada e que lograron que a COVID-19 non se estendera, como foi o caso da hostalaría. “Hoxe, grazas ao seu sacrificio, fomos quen de reducir drasticamente o número de contaxios”, engadiu.
Nese senso, aclarou que desde as administracións públicas “non podemos quedarnos no agradecemento”, lembrando que o Goberno galego é moi consciente do sacrificio do sector hostaleiro e que puxo en marcha dous plans de rescate que, nun tempo récord, mobilizaron máis de 160 millóns de euros. Ademais, salientou que onte mesmo foi anunciado no Consello o un novo plan de apoio ao comercio local, que investirá 20 millóns de euros en axudar a este colectivo.
De todos modos, recoñeceu que non é suficiente, pois “calquera axuda é pouca en comparación co esforzo que están facendo moitos profesionais para garantir a saúde de todos, pero é a nosa responsabilidade tratar de facer todo o posible por minimizar o impacto deste dobre crise económica e sanitaria”.