Santiago, 22 de xaneiro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento galego da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España unha resposta inmediata á proposta consensuada coa industria electrointensiva galega para establecer un marco eléctrico estable e un prezo competitivo ás empresas.
Así mesmo, noutra proposición non de lei pedirase a todas as administracións competentes que fagan pública toda a documentación pertinente e os informes a través dos que se deu autorización para a celebración do festival do Marisquiño en Vigo, co obxectivo de favorecer o esclarecemento do ocorrido neste accidente.
Ao remate da Xunta de Portavoces celebrada esta mañá, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que a orde do día da sesión plenaria incorpora a comparecencia dos conselleiros de Facenda e de Educación, Universidade e Formación Profesional.
ACORDO CONCERTACIÓN E PLANS EDUCACIÓN
O conselleiro de Facenda comparecerá para explicar o acordo de concertación do emprego público de Galicia, asinado coas organizacións sindicais CC.OO. e UXT. Puy asegurou que este acordo “vai moito máis aló da restauración dos dereitos que se perderon durante a crise, xa que introduce novos dereitos que non existían no momento de bonanza económica, como a posibilidade de funcionarizar aos laborais da comunidade e de establecer unha carreira profesional para todos os funcionarios, o que comporta o incremento de retribucións”.
En concreto, lembrou o compromiso do Goberno galego de crear 4.100 novas prazas de emprego público entre os anos 2019 e 2020, así como a estabilización de 5.000 prazas que agora están ocupadas por persoal temporal e interino, que poderán acceder a un posto como funcionario de carreira. “Diante da previsión de que tan só na Administración xeral se xubilarán uns 8.500 profesionais que hoxe traballan na Xunta, este acordo tamén aposta por facilitar os procesos de funcionarización do persoal laboral autonómico, así como pola implantación dun sistema voluntario e sustentable de carreira profesional”, engadiu.
Polo que respecta ás retribucións dos funcionarios, o acordo establece unha suba media de entre o 5 e o 6 por cento para o presente ano, que seguirán aumentando nos anos 2020 e 2021.
Respecto da comparecencia da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Pedro Puy afirmou que avanzará os plans que prevé desenvolver este departamento do Goberno galego nos vindeiros meses, tanto no referido á incorporación de novos docentes para rebaixar a taxa de interinidade, a aposta polos programas de prevención do abandono temperá, o impulso da FP, o financiamento das universidades e da I+D+I.
EMPRESAS ELECTROINTENSIVAS E DOCUMENTACIÓN MARISQUIÑO
O Grupo Popular tamén defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo que o Goberno central implante de xeito inmediato un estatuto da industria electrointensiva que defina diferentes tipos de empresas consumidoras de electricidade; reduza nun 90 por cento as peaxes de acceso no relativo ao custo de transporte; se convoquen axudas compensatorias polos custos de emisións directas de CO2; e se elabore un estudo das perdas técnicas de enerxía que son soportadas polos consumidores electrointensivos. “Todas estas medidas deberán aplicarse con carácter retroactivo desde o pasado 1 de xaneiro”, sinalou o portavoz popular.
Así mesmo, e diante da falta de transparencia que se está a producir por parte das administracións implicadas no accidente do festival do Marisquiño, o Grupo Popular demandará que fagan pública toda a documentación e informes que sustentaron a autorización para a celebración deste espectáculo o pasado mes de agosto en Vigo.
Dentro do apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego para coñecer a súa valoración sobre o investimento de 218 millóns de euros anunciado pola empresa Endesa na central de As Pontes; e sobre o proxecto de presupostos xerais do Estado para 2019 presentado polo Goberno central, “que traen malas noticias para Galicia no que atinxe ás partidas territorializadas”.