O PPdeG reivindicou hoxe a “liberdade” da mocidade galega e avanzou que en próximas eleccións apostará “máis que nunca” pola mocidade nas súas candidaturas para exemplificar que “Galicia goberna o seu futuro” e demostrar que a xente nova “tamén é sinónimo de estabilidade e solvencia”.
Así o manifestou hoxe a secretaria xeral Paula Prado acompañada polo presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, nun acto celebrado en Ourense por iniciativa da organización xuvenil dos populares galegos.
Un acto que, na súa opinión, demostra que o PPdeG “conta cun equipo que non só é pasado e presente, senón que tamén é futuro”. Algo que é froito da aposta “con feitos e non só con slogans” do partido pola xente nova: “Os mozos e mozas galegos necesitan un partido como o noso de referente e non a un PSOE e un Sánchez que son incapaces de celebrar un Premio Nobel da Paz tan relevante como o de María Corina Machado ou a un BNG que se senta, como fixo onte, cos herdeiros de ETA”
“Somos o único partido que traballa para ofrecer á mocidade galega as oportunidades que necesitan para demostrar a súa valía e abrirlles paso para que asuman o papel protagonista que merecen no porvir que están chamados a construír”, asegurou neste sentido.
Aproveitando a temática do acto, a secretaria xeral quixo reivindicar “a importancia da liberdade” en cuestións como a educación, a política de vivenda, o rural, o medio ambiente ou a cultura que “non son patrimonio de ningún partido e moito menos do PSOE e do BNG”. De feito, puxo en valor as políticas “pioneiras” aplicadas polo Goberno galego nos últimos anos como a matrícula universitaria gratuíta, a potenciación da FP e da ciencia, as axudas de vivenda para a xente moza, o bus interurbano gratuíto ata os 21 anos ou as axudas ao carné de conducir.
Paula Prado concluíu trasladándolle á organización xuvenil “máis importante e comprometida de Galicia” o orgullo que sente polo seu traballo diario: “Sodes o futuro do Partido Popular e por suposto, o futuro de Galicia. Un futuro que, da man do resto de galegos e das galegas, seguiremos gobernando”.
UNHA XERACIÓN INVOLUCRADA NO PRESENTE E NO FUTURO DE OURENSE
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense felicitou a Novas Xeracións por organizar este encontro que permitiu poñer de relevo cuestións fundamentais que figuran entre “as prioridades de traballo do Goberno galego, pero tamén, e dentro das súas competencias, entre os obxectivos do resto de administracións gobernadas polo Partido Popular”.
Luis Menor destacou a importancia a dedicar un “espazo propio” á mocidade que “recolle o sentir dunha parte importante da sociedade” para ter en conta as súas propostas á hora de acertar nas políticas promovidas desde as administracións.
Así mesmo, destacou o traballo “ben feito” pola mocidade do partido, unha experiencia que se traduce nunha xeración de mozas e mozos “preparadísimos, involucrados no devir futuro da provincia e mesmo partícipes da política municipal”. Puxo como exemplo disto a Pablo Graña, novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, ou Manuel Ángel Fernández, que recuperou para o PP a alcaldía de Baños de Molgas.
Por último, agradeceu o traballo e o compromiso dos máis novos que desde o PP de Ourense queren “harmonizar coa experiencia dos máis veteranos” e comprometeuse a seguir impulsando a un lugar prioritario do partido o papel que exercen as NNXX “tanto no futuro como no presente” do mesmo.
“SOMOS O PARTIDO MÁIS VOTADO POLA MOCIDADE”
Mentres, a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, fixo fincapé en que o PPdeG “aposta polo presente e polo futuro da xente nova” e por iso é “o partido máis votado pola mocidade galega”. “E ademais, temos un presidente, Alfonso Rueda, que cre, aposta e traballa por nós”, engadiu.
Neste sentido, abundou en que a Xunta de Galicia “está investindo nas áreas que máis importan aos mozos: educación, emprego, medio rural ou vivenda”, algo que “non é casualidade, senón unha forma de gobernar, mirando cara a adiante e pensando no futuro, non no titular de cada día”.
GALICIA GOBERNA O SEU FUTURO
No acto celebrado hoxe tamén participaron o secretario xeral de Novas Xeracións de Galicia, Max Novoa, o presidente de Novas Xeracións da provincia de Ourense, Nacho Campo, e a líder local do PP de Ourense, Ana Méndez; que foron os encargados de dar a benvida e dar paso á mesa redonda.
Unha mesa redonda que estivo moderada pola presidenta de Novas Xeracións da provincia da Coruña, Ximena Louro, e na que interviñeron o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, o deputado nacional Juan Bayón, o profesor ourensán de FP Martín Gil e a concelleira de San Xoán de Río Ari González.
O obxectivo da xornada era poñer en valor todas as oportunidades que Galicia ofrece á xuventude, trasladando unha mensaxe positiva e de futuro fronte ao pesimismo da oposición e destacando catro eixos fundamentais: educación, emprego, vivenda e medio rural.