O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe nun acto para conmemorar o Día das Letras Galegas que “a nosa lingua é para unir e non para dividir” e que, na medida en que forma parte da identidade de Galicia, “non pertence a ninguén máis que a todos e cada un dos galegos e galegas”.
Así o asegurou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na súa intervención no acto organizado polo partido esta tarde en Muxía, na Costa da Morte. Una intervención na que concluíu que a homenaxe deste ano á poesía popular oral galega, e en concreto ás cantareiras, supón “un canto á alma de Galicia” e un recoñecemento a todas aquelas mulleres que “ao longo da nosa Historia engrandeceron a nosa cultura co son das súas pandeiretas e coa forza da súa voz”.
“A Galicia moderna de hoxe non se entende sen a súa Historia e tradicións, do mesmo xeito que a Galicia orgullosa da súa lingua non se entende sen os cantos que lle deron voz e melodía, nin tampouco se entende a Galicia que se escribe en feminino sen a traxectoria de tantas mulleres valentes e poderosas que nos precederon”, asegurou.
Para a secretaria xeral do PPdeG, “ser conscientes do que somos é importante para reivindicar como queremos seguir sendo e cara onde queremos ir”. Algo que cobra especial relevancia nuns momentos nos que “todos xuntos temos a obriga colectiva de trazar o mellor camiño para a lingua galega”.
Por iso, quixo reivindicar que “mentres uns intentan apropiarse da lingua e ridiculizar a quen non a fala como eles, desde o PPdeG seguiremos falando galego”. Así mesmo, “mentres uns defenden modelos de imposición lingüística, nós seguiremos defendendo o bilingüismo cordial e a liberdade de cada persoa para expresarse na lingua que queira”.
“Mentres uns seguen instalados no conflito, na axitación e en rachar con todo, nós seguiremos poñendo en valor a importancia do pacto e dos acordos”, concluíu insistindo en que Galicia “é de todos os galegos e galegas, vivan onde vivan, pensen como pensen e falen como falen”.
LÓPEZ CAMPOS: “HONREMOS A QUEN FIXO DA SÚA VIDA UNHA DEFENSA DO GALEGO E DO SEU PRESTIXIO”
O acto foi conducido pola coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, que foi a encargada de dar paso ás diferentes intervencións e de presentar a Asociación Cultural Trubisquiña de Vimianzo, o grupo de cantareiras que interpretou tres pezas musicais.
O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos, defendeu que o Día das Letras Galegas é unha xornada para “honrar a quen fixo da súa vida unha defensa do galego e do seu prestixio” e que, por iso, as cantareiras “merecen o recoñecemento do pobo galego por facer da música un acto de identidade e erguer a súa voz para dignificarnos como pobo”.
Na súa opinión, todas elas “cumpriron a importante tarefa de manter viva a nosa lingua e, grazas á súa voz, o galego non deixou de escoitarse e puido pasar de xeración en xeración”. De aí a súa contribución á identidade colectiva de Galicia.
“Desde o PPdeG cremos que a mellor defensa da nosa lingua é a través da convicción e non da imposición e apostamos por defender o galego desde o convencemento de que é o noso maior tesouro e que debemos coidalo para legarllo ás novas xeracións”, concluíu comprometéndose a seguir traballando na defensa e o prestixio da lingua.
SANDRA VILELA: “TEMOS CLARO QUE NON HAI FUTURO SEN RAÍZ”
Pola súa banda, a voceira do partido en Muxía, Sandra Vilela, sinalou na súa intervención que “non é casual” a elección deste concello para celebrar un acto como este: “En Muxía apostamos pola cultura dándolle vida ás tradicións, dignidade á nosa lingua e espazo ás nosas raíces. Porque temos claro que quen non coida da súa cultura, acaba por esquecerse de si mesmo”.
“Facémolo porque estamos orgullosos do que somos, con orgullo, con convicción e sen complexos”, explicou apuntando a que con este homenaxe ás cantareiras a quen realmente se homenaxea é “ás nosas avoas, ás nosas nais e a todas esas mulleres que fixeron da voz unha ferramenta de resistencia e de identidade”.
Desde o orgullo e o agradecemento, quixo concluír facendo un chamamento a “ser conscientes de que herdamos algo que temos a obriga de conservar” e reivindicando que “se algo temos claro no PPdeG é que non hai futuro sen raíz”.