8, xuño, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, anunciou que, trala toma de posesión de Pedro Sánchez, o seu partido estará especialmente vixiante en dez cuestións que entende fundamentais para a nosa Comunidade e que lle foron trasladadas no seu momento ao goberno saínte.
A primeira delas foi a referida ao novo modelo de financiamento, onde Galicia levará a mesma posición que pactou con Castela e León, Asturias e Aragón, apostando porque o eixo sexa o custe efectivo da prestación de servizos. Outras das reivindicacións foron a chegada do AVE a Galicia, un punto no que o PPdeG espera que se cumpran os prazos comprometidos e tamén pregunta se o número dous do PSOE visitará Galicia cada tres meses para realizar un seguimento das obras como facía De la Serna; así como o reforzo das conexións ferroviarias internas -moi especialmente da Coruña con Ferrol e de Lugo con Monforte e Ourense- e as estacións intermodais nas cidades.
Tellado sinalou tamén a transferencia da AP-9 e a supresión da peaxe de Redondela, coa que insistirán nos acordos do pleno do Parlamento de Galicia; ademais do enlace por autovía de Lugo e Santiago, unha reivindicación pendente durante décadas e que os gobernos de Rajoy conseguiran desbloquear.
Así mesmo, o secretario xeral amosou o interese dos populares na Política Agraria Común e a Pesca, xa que teñen dúbidas de que a ministra galega que propuxo o recorte da PAC se preocupe moito polos nosos sectores produtivos fundamentais.
O decálogo tamén inclúe os incentivos fiscais ao Xacobeo para que o do 2021 sexa o mellor Ano Santo da historia; a construción das Fragatas F-110, que garantiría unha década de carga de traballo e a modernización dos estaleiros da comarca de Ferrolterra; e o mantemento dos compromisos para o desenvolvemento do polo aeronáutico de Rozas. Como última cuestión, Tellado enunciou a petición da axilización das axudas aos galegos residentes en Venezuela e o pago das súas pensións.
“Vendo os antecedentes dos gobernos socialistas en materia de infraestruturas, economía, industria naval ou sectores produtivos con Galicia, sentímonos na obriga de ser profundamente escépticos co que nos depare o goberno Sánchez, do que podemos esperar ben pouco”, manifestou o secretario xeral engadindo que malia que os resultados deste goberno son unha incógnita, “o que xa non é unha incógnita é que Galicia non pintará nada nese gabinete, xa que ningún membro do PSdeG forma parte del”. “Así lle pagou Pedro Sánchez a Pilar Cancela, a Gonzalo Caballero e á súa lexión de seguidores a súa fidelidade: buscando máis ministros en Mediaset que nas filas dos socialistas galegos”, insistiu.
Durante a súa intervención, Tellado tamén quixo mandar “o maior das nosas mensaxes de cariño e agradecemento” a Mariano Rajoy “polo seu servizo a España e a Galicia durante todos estes anos; polo seu servizo a este partido, ao que entregou a súa vida profesional e todo o seu tempo; e pola súa grandeza e xenerosidade na despedida xa que marcha despois de gañar as eleccións, cun legado de honradez e resultados indiscutible, e ponse, como estivo sempre, a disposición do que se lle pediu en todo momento”.
CASO QUINTEIRO
O número dous dos populares galegos valorou as novidades do caso Quinteiro despois de que onte, aproveitando que a axenda mediática marcaba outras prioridades, a voceira das Mareas de Podemos, Ana Seijas, dixo que este tema xa estaba pechado co anuncio de continuidade de Paula Quinteiro.
“Desde o Partido Popular de Galicia non podemos tomar esta declaración das Mareas de Podemos máis ca como unha tomadura de pelo: unha tomadura de pelo aos policías que Paula Quinteiro intentou intimidar dicíndolle que non sabían con quen falaban; unha tomadura de pelo aos inscritos das Mareas, que ven como a súa opinión non vale nada; e unha tomadura de pelo ao conxunto dos galegos, que ven como un comportamento impresentable dunha deputada se converte nunha crise de credibilidade dun partido ao que moitos lle deron a súa confianza de boa fe”, subliñou ao tempo que apuntaba que “se alguén cría aínda que a palabra das Mareas de Podemos vale algo, hoxe pode ir desenganándose”.
“Hoxe, coa súa actitude, Villares demostra definitivamente que unha persoa que non é capaz de cumprir nin facer cumprir os mandatos do seu partido e a súa militancia non é un representante digno da sociedade galega”, sentenciou.