1, febreiro, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que o PPdeG reunirá a preto de 2.000 afiliados e simpatizantes na presentación da práctica totalidade dos seus candidatos ás vindeiras Eleccións Municipais de maio.
Segundo afirmou, esta xuntanza, que terá lugar mañá en Santiago, “demostrará que este partido está máis vivo que nunca, que temos máis ganas de gañar que nunca e que temos máis argumentos que nunca para convencer aos nosos veciños de que vale a pena confiar no Partido Popular”.
Tal e como manifestou, a presentación dos candidatos populares servirá para reivindicar o que son: “un partido que non é unha incógnita, porque temos unha historia de 40 anos; o que sacou a España de todas as crises económicas recentes; o do crecemento económico, da creación de emprego e da mellora dos servizos públicos; e o único que sabe perfectamente que non é incompatible sentirnos galegos e sentirnos españois”. “Somos o partido que máis se parece a Galicia, porque somos o único que chega a todos os recunchos da nosa Comunidade e o único que ten en conta a toda Galicia para construír o seu proxecto”, remarcou.
De igual xeito, o número dous do PPdeG precisou que teñen claro o que non representan: “non somos unha moda, porque as modas son pasaxeiras, e vemos que na política pasan moi rápido; non somos un partido de cabreados, porque xa vimos en 2015 que deixarnos levar polo enfado á hora de votar non leva a nada; e non somos un partido que busca candidatos nin cadros entre os que non valen para outros partidos, porque a nós só nos valen os mellores”.
Así mesmo, apuntou que son a única forza política que pode realizar este tipo de actos xa que nin o PSOE, nin o BNG teñen candidatos para todos os municipios. Ademais, subliñou que “as Mareas ao mellor teñen 313 candidatos, pero porque onde se presentan teñen dous ou tres distintos, e dubidamos moito que todos fosen capaces de reunirse nun mesmo recinto sen acabar a paus como xa teñen demostrado noutros eventos”.
ESCOLLER ENTRE DOUS MODELOS
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral tamén asegurou que mañá “volverá quedar moi claro que os galegos e galegas poden escoller entre dous modelos”.
Como indicou, por un lado está o do PP, centrado no crecemento económico, na creación de emprego, e na mellora dos servizos públicos, que aposta polas maiorías amplas e por poñer solucións alá onde outros deixan problemas; e, polo outro, atópase o modelo da esquerda galega, “que é unha mestura da discriminación a Galicia de Pedro Sánchez, das liortas internas das Mareas de Podemos, e dos pactos cos independentistas cataláns e os herdeiros de Batasuna do BNG”. “Cremos que os galegos son moi conscientes disto e nos vindeiros meses a nosa tarefa é a de convencelos de que hai moitos motivos para volver a confiar no Partido Popular de Galicia”, engadiu.
Ademais de resaltar que este ano é moi importante para os populares, “de moito traballo, de moita ilusión e de estar moito na rúa”, Tellado aseverou que se enfrontan a uns comicios fundamentais para unha formación cuxa forza emana “da nosa presenza en todo o territorio”.
“Temos por diante as Eleccións Municipais nas que lle pedimos a confianza máis directamente aos nosos veciños, as que nos dan forza para afrontar todos os demais procesos electorais, as que nos permiten mirar á cara a todo o mundo, parroquia a parroquia, lugar a lugar, e casa a casa, falando de aquilo que lle preocupa ao conxunto da cidadanía”, concluíu.