O presidente provincial e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, rexeitou o acordo aprobado onte pola FEMP sobre o uso do superávit, ao consideralo “un ataque ao municipalismo e un ninguneo das entidades locais”. Neste senso, tal e como salientou, produciuse a rotura do consenso e da unidade que sempre caracterizou a Federación Española de Municipios y Provincias: “Pedro Sánchez perverteu a FEMP”.
Así, acusou a Abel Caballero de ser o tonto útil de Pedro Sánchez, de traizoar ao municipalismo e de poñerse ao servizo do Goberno central en lugar de defender os intereses das entidades locais. Para Baltar, Caballero non está a actuar como o alcaldes dos alcaldes de España, senón unicamente como o rexedor do PSOE: “Non é un acordo da FEMP, senón dos alcaldes socialistas que están na FEMP”.
O representante popular incidiu en que o voto de calidade do presidente da FEMP -que foi usado onte por primeira vez na historia da entidade- posibilita a incautación do aforro dos concellos e das deputacións. Un diñeiro, afondou, que é dos veciños e que o Executivo central, co apoio incondicional do alcalde de Vigo, está a confiscarlle aos cidadáns. “O que se nos impón por parte do Goberno é un documento que non aporta nin un só euro ás entidades locais, que reflicte insolidariedade e desigualdade e que ignora por completo aos concellos do mundo rural”.
Durante a súa intervención, no que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro da Fegamp e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e José Crespo e Luis Oujo, alcaldes de Lalín e de Porto do Son, respectivamente; Baltar fixo fincapé en que o acordo non encaixa coas reivindicacións unánimes do municipalismo e que está a vulnerar a autonomía local que consagra a Constitución española.
“É unha afronta aos concellos”, indicou, tras valorar que unha posible saída legal sería un recurso de inconstitucionalidade: “Vai en contra da autonomía dos concellos, aos que sempre se lles permitiu investir nos servizos básicos”. Por iso, garantiu seguir defendendo o municipalismo desde o consenso, o acordo e o diálogo.
UNHA MEDIDA EN CONTRA DO MUNICIPALISMO
Pola súa banda, Alfonso Villares dixo que a medida vai en contra do municipalismo galego, polo que sostivo que “aceptar este documento é unha auténtica deixadez de funcións”. E é que, tal e como asegurou, a boa xestión dos concellos non pode ser incautada polo Goberno central. “Os concellos non queremos tutelas de ningunha Administración e moito menos que se lle incaute o diñeiro aos veciños”, engadiu.
Pola súa banda, José Crespo cualificou a medida dunha “falta de respecto”, ademais de ser, apuntou, unha chantaxe aos concellos, que verán mermada a súa capacidade para levar a cabo investimentos nos servizos básicos. E advertiu da situación de extrema gravidade na que quedarán aqueles municipios que non contan con remanentes e aos que o Executivo central marxina neste acordo.
Para rematar, Luis Oujo, tras considerar a medida de “despropósito”, fixo fincapé nas dificultades que supón este acordo para os concellos de menos de 10.000 habitantes. Os populares galegos piden unha modificación do acordo, pois do contrario afogarase aos concellos máis pequenos.