Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e Enrique Barreiro salientaron hoxe, logo dunha xuntanza celebrada coa ANPA do Colexio Doutor López Suárez de Friol, que a Xunta “deu esta semana dous pasos máis na súa estratexia pola equidade e a xeración de igualdade de oportunidades no sistema educativo galego”. En concreto, referíronse á nova desgravación fiscal de ata 105 euros á que cada familia con fillos en idade escolar poderá acollerse pola compra de libros de texto e material escolar, así como a posibilidade de realizar a matrícula escolar para o vindeiro curso nos colexios e institutos a través do teléfono móbil.
Cristina Sanz e Enrique Barreiro explicaron que “o Goberno galego continúa cumprindo o seu obxectivo de apoiar ás familias con fillos en idade escolar, logo de implantar a gratuidade desde a escola infantil ata rematar os estudos universitarios ou as axudas que xa existían para a merca de libros de texto ou material escolar”.
ATA UN 15% DO GASTO REALIZADO
No caso da nova desgravación de ata 105 euros para a adquisición de libros de texto e material escolar, os deputados populares concretaron que “vai dirixida ás familias con rendas per cápita superiores aos 10.000 euros e ata os 30.000 euros, con fillos matriculados en educación primaria ou educación secundaria obrigatoria”. “Deste xeito, abrimos o abano de familias beneficiarias de axudas para manuais ou material, xa que ata agora só se recibían axudas as familias con rendas anuais per cápita inferiores aos 10.000 euros”.
A través destas novas axudas, cada familia poderá desgravarse ata un 15 por cento do gasto realizado en libros de texto e material escolar, “cantidade que se determinará en función do importe das facturas correspondentes ás compras realizadas para este fin entre o 1 de xullo e o 31 de decembro deste ano 2025, polo que é importante que cada familia conserve os xustificantes da compra para incorporar a súa contía na declaración da renda que se presentará o vindeiro ano”, indicaron.
BENEFICIO PARA FAMILIAS E CENTROS ESCOLARES
Por outra banda, sobre a posibilidade que o Goberno galego abre para realizar a matrícula nos colexios e institutos a través do teléfono móbil, os deputados populares sinalaron que esta medida “non só beneficia ás familias, senón tamén aos procesos administrativos dentro dos centros escolares, xa que permitirá reducir a súa carga de traballo e facilitar a xestión interna”.
Cristina Sanz e Enrique Barreiro aseguraron que “o proceso é moi sinxelo: as familias poderán realizar a matrícula dos seus fillos accedendo á plataforma AdmisionAlumnado, onde se autentificarán con certificado dixital ou Chave 365”. A partir de aquí, deberán premer na icona de matrícula, onde xa aparecerán precargados os datos persoais dos pais e dos alumnos e desde onde poderán facer as modificacións que consideren oportunas tanto de identificación como de optativas do curso, antes de realizar a matrícula en liña.