Santiago, 23 de setembro de 2017.- O Grupo Popular vén de presentar unha proposición non de lei a través da que solicita que na próxima reunión da Comisión Mixta para a xestión da AP-9 entre a Xunta e o Ministerio de Fomento se estuden a supresión da peaxe de Rande en condicións equiparables ao establecido para o tramo entre Vigo e o Morrazo.
Así mesmo, o deputado Alberto Pazos apuntou que “demandamos ao Ministerio e á concesionaria Audasa o acompasamento da apertura do novo carril nesta autoestrada ao seu paso polo Colexio da Igrexa en Redondela co traslado do alumnado ao novo colexio a construír na Finca da Ginaria.
A proposición non de lei do Grupo Popular incorpora, ademais, demandar ao Ministerio de Fomento que analice a viabilidade da apertura da saída coñecida como Torres de Padín en Chapela, así como a urbanización da Avenida de Redondela na estrada N-552. Así mesmo, demándase á concesionaria Audasa o tratamento como urbano do tramo da AP-9 que transcorre por Chapela, establecendo os correspondentes protocolos de alumeado e mantemento.
Outra das cuestións que se solicita ao Ministerio de Fomento e a Audasa é que, no marco das obras de ampliación da AP-9, se instalen pantallas antirruído naqueles puntos onde sexa necesario de acordo coa normativa vixente, adoptando as medidas paliativas que minimicen o impacto da autoestrada e melloren a compatibilidade desta infraestrutura coa contorna construída e co día a día dos veciños.
CONTRAPRESTACIÓNS PARA CHAPELA
Alberto Pazos lembra que a parroquia de Chapela no concello de Redondela “vén sufrindo desde hai moito tempo os inconvenientes derivados da súa situación xeográfica, a resultas da cal viuse afectada por un importante número de infraestruturas de comunicación”. En concreto, afirma que “Chapela nunca resultou beneficiaria das xustas contraprestacións que deberían corresponder a súa veciñanza, en atención a súa contribución ao desenvolvemento de toda a comarca”.
O deputado popular referiuse ao acordo acadado en 2006 entre o anterior Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, para a supresión do pago da peaxe para os usuarios da AP-9 entre o Morrazo e Vigo, “nunhas condicións que supoñían unha inxustificada agresión á comarca de Redondela e, nomeadamente, á parroquia de Chapela”.
“Este modelo de exención, comunmente denominado peaxe na sombra, garantía a gratuidade de todos os usuarios deste tramo con unha única excepción: aqueles que entrasen ou saísen do mesmo en Redondela”, sinala Pazos, quen engade que deste xeito “calquera actividade económica desenvolvida en Chapela perdía competitividade respecto aos seus competidores máis próximos, exentos dun gravame que se mantiña de maneira única e excepcional para a peaxe de Rande”.
Esta situación agravouse en 2011 cando o ministro socialista de Fomento, José Blanco, acordou as obras de ampliación da Ponte de Rande e da AP-9 ao seu paso por Chapela, “sen incluír ningunha medida paliativa na parroquia”.
Alberto Pazos considera que “esta xenerosidade amosada polos veciños de Chapela merece a adopción de distintas medidas, fundamentalmente as acordadas pola concesionaria Audasa co Concello de Redondela e os representantes dos afectados no marco da Comisión Especial de seguimento das obras da ampliación da AP-9, que sirvan para rematar coa inxusta situación que veñen sufrindo, contribuíndo á mellorar da calidade de vida e a competitividade neste territorio”.