O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Gonzalo Trenor, incidiu, hoxe, na necesidade de intensificar a defensa dos intereses de Galicia en Europa, tal e como propón o Goberno galego, ante a pretendida reforma do Regulamento Xeral de Costas polo Goberno central.
Segundo indicou, a Comisión Europea non coñece o verdadeiro alcance dos cambios que o Executivo central nin a realidade única do litoral galego porque, segundo denuncia o parlamentario popular, o Goberno de Sánchez nunca defendeu as particularidades da nosa costa. Neste sentido, afeou este novo “boicot” do Goberno central á nosa Comunidade e lamentou que os partidos da oposición galega “o acatan submisamente”.
Considerou “inaceptable” a intención da Administración central de introducir modificacións regulamentarias de gran calado no réxime de Costas sen unha revisión previa da lei que a sustenta e, sobre todo, sen a participación real e efectiva das Comunidades autónomas. “Esta forma de proceder non só vulnera os principios básicos do noso ordenamento xurídico, como a xerarquía normativa e a reserva de lei en materia de dominio público, senón que supón unha evidente quebra da lealdade institucional”, dixo. “Non se pode reformar pola vía regulamentaria –continuou- aspectos esenciais como a duración, a prórroga ou a extinción das concesións, sen diálogo, sen consenso e sen respectar as competencias das comunidades autónomas que, como Galicia, teñen atribuída a xestión do seu litoral”.
A DEFENSA DO AUTOGOBERNO DE GALICIA
Así, apuntou que a proposición non de lei nace da necesidade de “defender con determinación” o autogoberno de Galicia, a seguridade xurídica do seu tecido produtivo e o debido respecto ás Comunidades: “Galicia non pode aceptar decisións impostas desde despachos afastados da realidade costeira, que ignoran as particularidades do noso modelo produtivo e poñen en risco a continuidade de actividades fundamentais”.
Na mesma liña, esixiu unha revisión “ordenada, transparente e consensuada” da lei estatal de costas e da súa normativa de desenvolvemento. E reclamou a convocatoria inmediata dunha conferencia sectorial específica que permita abrir “un verdadeiro proceso de diálogo e negociación”. “Porque –engadiu- sen lealdade institucional, sen diálogo e sen consenso, non hai boa gobernanza nin futuro garantido para o noso litoral”.
Tal e como defendeu Gonzalo Trenor, o litoral galego é “un eixo vertebrador da economía e do modo de vida de Galicia” que sustenta miles de empregos vinculados á pesca, ao marisqueo, á acuicultura, á industria transformadora. De aí a necesidade de estabilidade xurídica e “un uso ordenado” do dominio público marítimo-terrestre, dado que se trata dun sector que supón case o 5% do PIB de Galicia e do cal dependen 40.000 postos de traballo. Esta reforma é, pois, unha “ameaza directa á viabilidade económica de moitas familias e empresas”.