7, novembro, 2022. O PP da provincia de Lugo traslada o seu apoio ao sector pesqueiro lucense que se está a ver moi afectado polo vento á pesca de fondo por parte da Comisión Europea en 87 áreas do Atlántico nororiental. Nese sentido, os populares urxen ao Goberno de Pedro Sánchez a presentar canto antes o recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea “recollendo as aportacións do sector e das Comunidades Autónomas afectadas para enriquecer e fortalecer os seus argumentos”.
Os deputados no Congreso Jaime De Olano e Joaquín García Díez mantiveron unha reunión esta fin de semana con representantes da Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro e varios barcos pesqueiros para coñecer como están a afectar ao sector estas primeiras semanas de veto trala que puideron constatar que “se ve moi prexudicado o palangre de fondo que, incomprensiblemente, foi incluído nesta prohibición”.
Así mesmo, fixeron entrega das sinaturas recollidas entre os deputados do Grupo Parlamentario do Congreso -entre as que se atopa a da portavoz e secretaria xeral do Partido Popular, Cuca Gamarra- en apoio ao Manifesto pola pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas e o rexeitamento a medidas como a prohibición da pesca de fondo.
O deputado lucense e portavoz de Pesca do Grupo Popular no Congreso, Joaquín García Díez, explicou que pediron a comparecencia no Congreso de forma urxente do Ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación para explicar as súas actuacións para reverter esta prohibición pero que “aínda non o fixo”. Así mesmo, trasladou a súa preocupación porque, “a menos de 15 días para que expire o prazo legal par presentar o recurso, non se coñecen os fundamentos xurídicos, nin técnicos nin científicos nos que basear o recurso. É incomprensible que o Ministro non presentara aínda o recurso e que non explicara previamente en que se argumenta”. Nese sentido, explicou que “a Xunta e o propio sector xa lle fixeron chegar aportacións moi importantes”.
De Olano e García Díez solidarizáronse coa situación do sector pesqueiro que “tampouco sabe se o Goberno de Sánchez vai pedir a moratoria ou non” e comprometéronse a trasladar ao Congreso as propostas do sector pesqueiro lucense; tamén sobre a nova Ley de Pesca Sostenible.
NOVA LEY DE PESCA SOSTENIBLE
García Díez tamén lles explicou como se atopa neste momento a tramitación parlamentaria no Congreso da nova Ley de Pesca Sostenible para a que xa se constituíu a ponencia despois de rematar o período de presentación de emendas. Nese sentido, o deputado aclarou que “o Grupo Popular presentou unha batería de emendas” e sinalou a súa “preocupación polo cambio tan brusco no modelo de xestión dos dereitos de pesca que pretende esta Ley”.
Nese sentido, o portavoz popular de Pesca sinalou “unha liña vermella á hora de poder valorar o apoio á lei: non queremos se revisen os dereitos adquiridos por todos os armadores con anterioridade á entrada en vigor desta lei, se queda aprobada tal e como entrou no Congreso”. Os populares defenden que “estes dereitos sigan vivos a pesar de que se cambie o modelo de xestión de cotas que propón esta lei”.