15 de novembro de 2022. Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 darán a vindeira semana un novo paso na súa tramitación parlamentaria co debate das emendas á totalidade nun Pleno específico que se celebrará o luns. Posteriormente, o Grupo Popular defenderá no Pleno ordinario, con motivo da celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller o 25 de novembro, unha proposición non de lei na que insta a todas as administracións a colaborar na prevención, atención ás vítimas e erradicación total da violencia de xénero. Así mesmo, pedirá ao Goberno central a realización de accións para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA, en especial entre a mocidade.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz popular, Alberto Pazos, lembrou que os orzamentos da Xunta para 2023 ascenden a 12.620 millóns de euros, “o que os sitúa como os máis altos da historia de Galicia”. Así, explicou que “reforzan con máis de 500 millóns de euros cinco liñas de actuación prioritarias: apoio e protección das familias e das persoas; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos. Así mesmo, destacou que inclúen o maior gasto social da historia (9.368 millóns de euros para a sanidade pública, o ensino, as políticas sociais e o emprego), ademais de 2.772 millóns para investimentos.
A continuación, terá lugar o Pleno ordinario, que dará comezo co debate da proposición de lei de iniciativa lexislativa popular sobre montes veciñais en man común e o proxecto de lei, por trámite de urxencia e lectura única, polo que se aproba a suba adicional do 1,5 por cento das retribucións dos empregados públicos autonómicos para compensar os efectos da inflación.
Con motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, o Pleno incorpora a comparecencia da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, por petición propia, para informar sobre igualdade e loita contra a violencia de xénero.
VIOLENCIA DE XÉNERO E MEMORIA DAS VÍTIMAS DE ETA
Así mesmo, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se insta a todas as administracións públicas a impulsar un paquete de medidas de loita contra a violencia de xénero. En concreto, pídese á Xunta que colabore coas entidades locais no ámbito da formación dos profesionais dos servizos municipais e dos centros de información á muller, así como o fortalecemento das mesas locais de coordinación institucional contra a violencia de xénero.
Neste sentido, tamén se pide ao Goberno de España que impulse as actuacións necesarias para cumprir co mandato dos convenios de Istambul e Varsovia; dea cumprimento efectivo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero; e garanta un sistema de financiamento estable, plurianual e con fondos suficientes para afianzar todos os recursos humanos e técnicos necesarios na prestación dos servizos contra a violencia de xénero.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno de España realice as accións oportunas para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA, en especial entre a mocidade. Alberto Pazos manifestou que “25 anos despois do asasinato de Miguel Ángel Blanco, o 60 por cento da mocidade española descoñece quen foi esta persoa, ao tempo que o 70 por cento da sociedade descoñece que o de Ortega Lara foi o secuestro máis longo perpetrado pola banda terrorista”. “Por este motivo, consideramos imprescindible que se recupere o legado da memoria das vítimas do terrorismo que pagaron coa súa vida o seu compromiso coa democracia española”, apuntou.
Por último, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola pasividade do Goberno central ante o incremento dos casos de okupación de vivendas; e pola información que dispón neste momento o Goberno galego sobre as causas do derrubamento e os traballos de reconstrución do viaduto da A-6 colapsado o pasado mes de xuño.