Partida orzamentaria suficiente nos Presupostos Xerais do Estado para os traballos de remediación dos solos contaminados por lindano na provincia de Pontevedra
A factoría Zeltia sintetizou Lindano nas súas instalacións de Porriño (Pontevedra) dende 1947 a 1964, cando cesou a súa actividade de produción, quedando como única actividade a formulación e envasado.
Durante esta etapa xeráronse unha gran cantidade de residuos que maioritariamente foron vertidos nun antigo vertedoiro de residuos sito no Polígono de Torneiros. Por outra banda, segundo testemuñas dos veciños, debido a súa accesibilidade, estes residuos tamén foron empregados a título privado como recheo de viarios e camiños, como fertilizante de baixa calidade e como emenda orgánica.
Dende o ano 1992, no que se detectou o primeiro caso de afección por Lindano ata a actualidade, no que se descubriron novas zonas afectadas polos residuos de producción de Lindano, a Xunta de Galicia realizou e está a realizar diversas actuacións de investigación de solos e augas. Mediante estes traballos caracterizouse e delimitouse a afección en solos en varias zonas e identificouse que o acuífero superficial baixo as zonas afectadas atopábase afectado.
Os últimos descubrimentos de residuos da produción de Lindano en zonas das que non se tiña coñecemento de vertidos, dan conta da incerteza acerca da magnitude do problema existente na nosa Comunidade.
A Xunta de Galicia ten invertido, ata o día de hoxe máis de 6 millóns de euros de fondos propios na investigación e descontaminación da zona coa retirada de terras contaminadas e o encapsulado das mesmas no polígono industrial de Torneiros.
A raíz dos traballos de investigación realizados na mesma parroquia de Torneiros, nas zonas de O Contrasto e A Pereira, tense detectado contaminación por lindano, sendo reseñable a afección nun vial de Contrasto, parroquia da zona con clara afección das auguas subterráneas da conca do río Louro, pertencente ao ámbito territorial da Confederación Hidrográfica del Miño Sil. O proxecto de remediación ascende a máis de 6,5 millóns de euros.
Para facer fronte a este problema, é imprescindible a cooperación intersectorial dos diferentes organismos para establecer un plan de acción e interese común, que involucre tódolos ámbitos políticos relacionados, con persoal experto como apoio para afrontar esta problemática, mantendo un compromiso de máxima transparencia coa sociedade.
Tendo en conta que parte da problemática da contaminación por lindano se atopa en augas de competencia Estatal e memso en infraestruturas como a AP-9 e considerando que o Goberno de España xa prestou financiación a outras Comunidades Autónomas en situacións similares como é o caso de Aragón, é polo que o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia, insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que de forma inmediata, inclúa unha partida orzamentaria suficiente nos Presupostos Xerais do Estado para poder afrontar os traballos de remediación dos solos contaminados por lindano na Provincia de Pontevedra”.