A secretaria xeral e Julio García Comesaña visitaron a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue xunto aos membros da Comisión de Sanidade do PPdeG, que se reuniron a continuación
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, sinalou hoxe que “a Sanidade Pública precisa unha transfusión de médicos de familia e o único donante que pode facela é o Goberno de Pedro Sánchez”, e reiterou que non se trata dunha cuestión de cartos, senón de falta de especialistas.
Prado visitou hoxe, xunto a Julio García Comesaña e os membros da Comisión de Sanidade do PPdeG, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, localizada en Santiago de Compostela. Neste lugar lamentou que, a pesar de estar xa no mes de agosto, a resposta que chega desde a Moncloa sobre as necesidades no eido sanitario “segue sendo o silencio”.
Por unha banda, apuntou ao silencio á petición feita desde Galicia e o resto das comunidades autónomas para que o Goberno mude os requisitos para formación dos MIR, de xeito que máis centros de saúde galegos poidan formar e se consigan todas as prazas que se necesitan.
E, por outra banda, o silencio á posibilidade de incorporar máis prazas formativas de medicina de familia á convocatoria MIR deste ano a medida que se puidesen ir acreditando, algo sobre o que o Ministerio de Sanidade debería rectificar, dada a situación de déficit destes profesionais que vive toda España.
“Pedímoslle seriedade, que escoite as necesidades da Sanidade galega, que apague ese escaparate no que só pretende lucirse e que se preocupe dos problemas de Estado, como o da falta de médicos”, abundou.
De feito, xa se cumpriu un mes desde que Galicia impulso un manifesto xunto ao País Vasco no que converxen as necesidades máis urxentes da Sanidade. Prado lamentou que as reivindicacións deste escrito, apoiado por sete comunidades de todas as cores políticas e ratificado de xeito maioritario no Debate sobre o Estado da Nación, segue sen ter resposta.
Así mesmo, o PPdeG lembrou que tampouco se trata dunha cuestión de precariedade laboral como dixo onte o BNG, posto que todos e cada un dos residentes de medicina de familia que remataron a súa formación este ano puideron presentarse a un concurso de méritos para obter directamente unha praza en propiedade en atención primaria. Precisamente, o grupo nacionalista votou no Parlamento en contra desta iniciativa dos populares.
E malia que o problema actual non se trata dun problema de presupostos, a Xunta seguirá apostando pola Sanidade Pública nos seus Orzamentos de 2023. Onte mesmo, o Consello aprobou onte o maior teito de gasto da historia, con 12.599 millóns de euros, co fin de atender as prioridades dos galegos, entre as que estará unha vez máis a Sanidade.
COMISIÓN DE SANIDADE DO PPdeG
Durante a visita á Axencia de Doazón da Consellería de Sanidade, tanto a secretaria xeral como Julio García Comesaña animaron á poboación galega a doar, principalmente aos grupos sanguíneos A positivo, A negativo e 0 positivo. Un “xesto sinxelo”, destacaron, para o que desde onte non é preciso concertar cita previa.
A continuación, Prado e Comesaña reuníronse na sede do PPdeG coa Comisión de Sanidade dos populares galegos, un ente presidido pola deputada autonómica e portavoz no Parlamento da materia, Encarna Amigo, e integrado entre outros membros pola vicepresidenta segunda do Congreso e secretaria executiva de Sanidade do Partido Popular, Ana Pastor.
“Se o Partido Popular de Galicia leva 28 anos xestionando a Sanidade Galega é grazas aos magníficos profesionais que achegan novas ideas, dan o mellor de si mesmos e fan da nosa Comunidade un referente”, resaltou Prado.