Santiago, 16 de xaneiro de 2017.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, acusou hoxe á oposición de crear “unha caixa máxica da que sacan os cartos sen ningún tipo de rigor, definición, previsión realista nin xustificación”. Fronte a isto, “o Partido Popular leva demostrado estes anos de goberno que fai as cousas con prudencia, rigorosidade e pegadas á realidade, que non gastamos máis do que ingresamos, cumprimos o déficit e pagamos a débeda”, afirmou.
No debate do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, Paula Prado lamentou que os grupos da oposición “non aprenderon nada dos erros que nos levaron á peor crise económica”. Así, criticou que “seguen coa teima de prever ingresos irreais” e lembroulles que “aínda estamos pagando os 2.000 millóns de euros que socialistas e nacionalistas pintaron de máis no último orzamento co que gobernaron Galicia”.
Prado apuntou que “a súa proposta de incrementar os tipos de IRPF ás rendas máis altas é conxunto baleiro, porque nin din a quen se aplicaría esa suba nin expoñen como levala a cabo”. Ademais, explicou que esta medida “provocaría o efecto contrario ao que pretenden vender, xa que a alza de tipo sería soportado fundamentalmente polas rendas do traballo, como acredita o feito de que representar arredor do 85 por cento do total da base impoñible”.
MOITO POR MUDAR
“Somos conscientes de que queda moito por mudar e por iso esta lei de medidas fiscais e administrativas é importante, porque vai resolver moitas cuestións que afectan á xente”, indicou. Porén, Paula Prado recoñeceu que “non é o mellor instrumento de técnica lexislativa” pero avanzou que “imos debater todo o que vostedes precisen, porque é bo e enriquecedor”
Paula Prado manifestou que o Tribunal Constitucional tense manifestado sobre as leis de acompañamento e afirma que é unha lei ordinaria que pode regular calquera materia. Neste sentido, lembrou que outras comunidades españolas “están tramitando unha lei exactamente igual a esta, como Cantabria, a través da que se modifican 15 leis; en Aragón, onde modifican 31 normas; en Cataluña, que cambian 23 leis; ou na Comunidade Valenciana, onde reforman 32 leis”. “En Galicia tamén temos necesidades perentorias, como defenden os seus compañeiros no goberno valenciano”, apuntou.
“As cuestións que se inclúen nesta lei serán debatidas coa mesma luz e taquígrafos que calquera outra norma”, asegurou a viceportavoz popular. Deste xeito, recordou que “desde que entrou no Parlamento o pasado 3 de decembro, todos os grupos tivemos tempo para analizala, estudala e emendala, así como durante este mes e medio puidemos reunirnos cos sectores afectados pola mesma, sindicatos ou entidades; escoitar as súas demandas e suxerencias e recoller algunhas delas en forma de emenda”.
LEI COMPLEMENTARIA
Prado explicou que “estamos ante unha lei complementaria da lei de orzamentos coa que garda unha especial conexión causal, como a baixada de impostos no rural, o plan económico-financeiro do goberno ou o proceso de de funcionarización do persoal laboral, que favorecerá a estabilidade laboral e profesional do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais e do Consorcio de Igualdade e Benestar.
Neste punto, criticou que “cando se asinaron os acordos tacháronos de electoralistas e baleiros de contido e agora propoñen un procedemento que retrasaría o proceso de funcionarización e, por tanto, retrasaría que miles de laborais teñan estabilidade no seu posto de traballo e mellores expectativas no eido do desenvolvemento profesional”.
Ademais, Paula Prado salientou que a Xunta de Galicia incrementará o próximo ano un 7 por cento os beneficios fiscais que aplica a familias e empresas, co obxectivo de dotar de maior renda á cidadanía galega. Neste sentido, explicou que estes beneficios fiscais “serán ingresos que a Xunta deixará de percibir para que revertan nos cidadáns”, e concretou que en 2017 a Xunta aplicará rebaixas fiscais por un importe de 391 millóns de euros “que se quedarán no peto das familias”.