A secretaria xeral e José Ángel Santos participan en Moraña na constitución da Comisión de Pequenos Concellos dos populares galegos
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que o seu partido comprométese a actuar de “auditor” dos compromisos de Pedro Sánchez coa Comunidade, facendo referencia á chegada dos fondos europeos, a unha maior implicación na Sanidade, ao porvir das nosas infraestruturas, á chegada de axudas para os incendios e ás posibilidades do traspaso da xestión de costas: “Non perdoaremos ningún agravio máis á nosa terra”.
Antes de participar na constitución da Comisión de Pequenos Concellos celebrada en Moraña, Prado referiuse á xuntanza que onde mantiveron o presidente Alfonso Rueda e Pedro Sánchez, na que o líder do PPdeG demostrou a súa defensa dos intereses de Galicia.
A pesar das boas perspectivas en algúns eidos, a secretaria xeral lembrou que a axenda de Galicia está repleta de cuestións que importan e que precisan a implicación do Estado, por iso lamentou a resposta de Sánchez nalgún dos puntos. “Non entendemos por que non se fai caso ás reivindicacións no ámbito da Sanidade, cando o Goberno de España é o que pode poñer enriba da mesa solucións ás dificultades que nos atopamos. E non entendemos que se estea falando en entrevistas de que chegada dos trens Avril será no ano 2023, pero non se nos dan explicacións aos galegos”, manifestou mentres tamén criticaba que o Executivo de Sánchez tampouco acceda a traspasar as competencias da nosa costa: “Levamos tempo pedindo que se xestione dende Galicia e non dende o Paseo da Castellana”.
Ademais, no caso concreto da provincia de Pontevedra, os populares tamén estarán vixiantes ao que ocorra en canto á consecución de fondos europeos para a automoción eléctrica de Stellantis en Vigo, á chegada da alta velocidade a Vigo e Pontevedra, aos avances do tramo Vigo-Porriño da A-52 e das novas fases da circunvalación de Pontevedra A-57, e ao que suceda con todas as edificacións que están en perigo no litoral.
AS NECESIDADES DOS PEQUENOS CONCELLOS
A secretaria xeral, que acompañada polo vicesecretario de Concellos Rurais do PPdeG e presidente da Comisión de Pequenos Concellos, José Ángel Santos, visitou en Moraña a Casa do Maior, salientou a importancia de escoitar e analizar as necesidades reais dos concellos menos poboados e de achegar alternativas e solucións aos problemas aos que estes municipios se teñen que enfrontar.
Con esta finalizade apuntou que se constitúe hoxe a Comisión de Pequenos Concellos, á que tamén asistiu o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e que está integrada por alcaldes, voceiros e concelleiros dos concellos de Moraña, Redondela, Poio, Bueu, Dozón, A Lama, Mos, Vedra, Lousame, Trazo, Muros, Coristanco, Sober, Pol, O Vicedo, A Fonsagrada, Begonte, Triacastela, A Peroxa, O Irixo, Porqueira, Riós e Oímbra.
Como recoñeceu, a través do seu “proxecto común”, os populares traballarán para garantir a igualdade de oportunidades en cada lugar da Comunidade, dotando dos servizos e infraestruturas necesarias a todos os veciños “vivan onde vivan”.
Prado recordou que o PP goberna neste momento en Galicia o 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes, aportando “estabilidade” a eses gobernos e “seriedade e rigor na xestión das contas”. Non obstante, precisou que o seu partido non se conforma con iso e aspira a máis: “O noso reto é que o próximo 28 de maio de 2023 cheguemos a gobernar o 100% deses pequenos concellos”.
Pola súa parte, José Ángel Santos remarcou que a Comisón de Pequenos Concellos é unha “aposta decidida para impulsar o rural”, definíndoa como un “laboratorio de ideas” que posibilite seguir avanzando na súa modernización: “Queremos un rural galego dinámico no que a poboación poida vivir nel e tamén vivir del”. Así mesmo, explicou que os populares coñecen as necesidades dos pequenos concellos e saben como atallalas.