A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, criticou hoxe o “ecoloxismo radical” de PSOE e BNG, aos que acusou de “facer moito dano” aos gandeiros que sofren o aumento de ataques de lobo nas súas explotacións, mentres o PPdeG traballa “na defensa do rural” e leva anos insistindo “en que non se protexa máis o lobo, porque así se desprotexe ao gandeiro”.
Nunha visita ao concello de Curtis, así llo trasladaron tamén gandeiros afectados durante unha reunión, onde Paula Prado estivo acompañada pola coordinadora de Medio Ambiente do PPdeG, Marisol Díaz Mouteira, o coordinador de Medio Rural, Avelino Souto, os deputados autonómicos Miguel Ángel Viso e Gonzalo Trenor, e o alcalde, Javier Caínzos.
A número dous dos populares galegos amosou a “gran preocupación” do PPdeG polo sector gandeiro tralo aumento dos ataques do lobo que supuxo a entrada desta especie na listaxe de protección especial (Lespre). “Unha decisión inexplicable do PSOE, apoiada en reiteradas ocasións polo BNG, que xa foi revocada hai uns meses pero que fixo e segue facendo moito dano”, expresou.
Así, lembrou que cada día hai en Galicia nove animais de media atacados polo lobo, con centos de gandeiros afectados. Ante estas cifras, puxo en valor as medidas postas en marcha pola Xunta, para prevención e compensación dos danos, con axudas que suman arredor de 2 millóns de euros, en contraste co Goberno central, ao que esixiu que libere os 12 millóns de euros de fondos que debe á nosa Comunidade nesta materia.
“Somos o partido do rural e nós, máis que ninguén, estamos ao carón dos agricultores e gandeiros”, destacou.
Neste sentido, Prado felicitou ao concello de Curtis como “un grande exemplo” do que fan os gobernos do PP, ao traballar por e para os seus veciños e apoiar aos gandeiros. “Grazas ao PPdeG, conseguimos garantir o equilibrio do medio rural, pero as consecuencias da medida impulsada polo Goberno de Sánchez seguen repercutindo”, reiterou, citando os efectos negativos dos ataques en explotacións como as deste municipio.
“No PPdeG comprometémonos a seguir traballando na defensa dos intereses do rural ante todas as autoridades, tanto ante o Goberno central como ante Europa”, subliñou para rematar.
CUANTIOSAS PERDAS PARA OS GANDEIROS
Pola súa banda, o alcalde de Curtis quixo visibilizar o aumento dos ataques de lobo. “Agraváronse nos últimos meses e debemos dar un paso adiante para apoiar aos gandeiros e ás súas explotacións e tomar medidas”, sinalou, facendo fincapé nas “cuantiosas perdas” que supón o ataque da especie para o sector.
Neste municipio, ao igual que noutros concellos galegos, veñen rexistrando un aumento significativo nos últimos meses. Algo que levou ao Concello a solicitar á Xunta unha intervención urxente dada a imposibilidade de actuar derivada da paralización xudicial que sofre o plan de xestión do lobo.
Cómpre recordar que este plan permite medidas de control en casos moi concretos, pero a súa paralización por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) impide autorizar na Comunidade medidas de control do lobo por danos recorrentes e acreditados. Algo que, pola contra, xa se fai noutras comunidades como Cantabria ou Castela e León.