Santiago, 30 de decembro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou hoxe no Parlamento que “Galicia non merece o trato que lle está dando o actual Goberno socialista”. “Non hai unha boa noticia por parte do Goberno de Pedro Sánchez para a nosa Comunidade autónoma, que neste final de ano acumula, un tras outro, anuncios que prexudican notablemente aos galegos: ao anunciado peche da central de As Pontes, súmase o peche da venta de billetes nas estacións de ferrocarril, a falta dun estatuto para as empresas electrointensivas, a suba da peaxe na AP-9 ou a conxelación das pensións e da suba do salario aos funcionarios”, criticou.
Paula Prado asegurou que desde o Grupo Popular “vivimos con moita preocupación as últimas novas relacionadas co anunciado peche da central térmica de As Pontes e o tamén anunciado peche da venta presencial de billetes en diversas estacións de ferrocarril de Galicia”.
TRANSICIÓN ENERXÉTICA XUSTA
No caso do peche da central de As Pontes, a viceportavoz popular lembrou que “estamos a favor dunha transición enerxética xusta, pero o que non aceptamos é que o Goberno socialista decida, dun día para outro, o peche das centrais térmicas sen alternativas para o futuro”. “O Goberno socialista castiga de xeito especial a Galicia con esta decisión, privándolle dunha transición ordenada que permita manter a central de As Pontes ata que se activen os fondos europeos a partir da segunda metade de 2020”, apuntou.
Así mesmo, manifestou que “non é xusto que se sacrifique a Galicia cando en Europa están activas arredor de 150 centrais de carbón, e ningún dos seus gobernos está a poñer en risco inminente o seu futuro” e engadiu que pechar a central térmica de As Pontes supón pechar a central máis potente, a que fixo un maior investimento para a súa adecuación á normativa (máis de 200 millóns de euros) e a que está autorizada pola Unión Europea para seguir, como mínimo, ata o ano 2030”.
“Desde o Grupo Popular estamos do lado dos traballadores de Endesa, das empresas auxiliares e dos transportistas, e reiteramos a nosa solicitude ao Goberno central para que active un plan de transición xusta que garanta a continuidade da actividade e o emprego ata poder optar en 2021 aos fondos europeos; que faga unha fronte común con Galicia para reclamar a Endesa que reactive a planta; que active os mecanismos fiscais que ten ao seu alcance, como o céntimo verde, e poña en marcha novos mecanismos para favorecer a combustión con biomasa; e que convoque de novo a Mesa das Pontes para establecer a folla de ruta que garanta un futuro para as 750 familias”, concretou.
ATENCIÓN DE PROXIMIDADE AOS VIAXEIROS
Paula Prado lamentou que “o Goberno socialista non para neste final de ano de trasladar problemas aos galegos, logo de que nos últimos días tamén coñecemos que o ADIF ten previsto pechar a venta presencial de billetes a partir de mañá nas estacións de ferrocarril en Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela”.
Diante desta situación, anunciou que o Grupo Popular vai presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego demandando o mantemento deste servizo co fin de garantir e preservar en igualdade de condicións a calidade dos servizos a todos os cidadáns.
“Defendemos a necesidade de primar a atención de proximidade aos viaxeiros do rural fronte aos meros criterios económicos, polo que confiamos que o ADIF se replantee esta decisión e valore o mantemento da atención presencial aos viaxeiros destas estacións”, sinalou.
Neste sentido, a viceportavoz popular lembrou que, “fronte á deixación do actual Goberno socialista, hai dous anos o anterior Goberno do Partido Popular atendeu as demandas realizadas desde o Goberno galego e abandonou o plan de peche destes servizos en diversas estacións galegas, unha decisión que esperemos sirva de precedente para o Goberno de Pedro Sánchez e sexa quen de volver atrás o anuncio feito polo ADIF”.