A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, reiterou hoxe o apoio ás demandas do sector da pesca de flexibilizar os controis europeos, fronte á “incoherencia” do PSOE e o “oportunismo” do BNG.
“Somos o Partido da Pesca, como din as nosas siglas: PP. E nunca imos deixar tirados aos nosos mariñeiros”, sinalou durante unha visita á lonxa de Muxía, acompañada da portavoz local e tenente de alcalde, Sandra Vilela, e doutros representantes do partido na comarca.
“Pedímoslle ao Goberno de Sánchez que reaccionara e que aplicara a norma europea respecto ao control da pesca dun xeito que non afogara aos pescadores. E vimos que a flexibilización era posible, só era cuestión de vontade política”, sinalou. Neste sentido, apuntou que o Executivo de Sánchez cambiou a súa postura “grazas á insistencia do PPdeG e, por suposto, grazas á presión do sector”.
Prado puxo en valor a posición “clara e coherente” do PPdeG co sector, fronte a un socialismo “tan entretido cos seus asuntos de corrupción que a pesca é a súa última prioridade” e un independentismo “que en Europa segue aliado co Grupo dos Verdes, que apoiou o veto á pesca de arrastre”.
Ao Goberno central esixiulle “non máis sobresaltos” con este asunto, xa que a “incerteza e a tensión” xerada ao sector do mar nos últimos días foi “gratuíta, innecesaria e totalmente evitable”.
“No PPdeG defendemos ao sector pesqueiro. Nós votamos sempre a favor da xente do mar da Costa da Morte e de toda Galicia”, concluíu.
“O PP SEMPRE ESTIVO AO LADO DOS MARIÑEIROS”
Pola súa banda, Sanda Vilela subliñou que “o PP sempre estivo o lado dos mariñeiros e do sector”, demostrándoo de novo con este problema do regulamento europeo.
Lamentou tamén que o Goberno central “non escoitara antes ao sector” e puxo en valor a pesca artesanal: “Forma parte da nosa identidade e pelexaremos para que sobreviva”.
“POPULISMO” DO BNG CON MERCOSUR
A número dous dos populares galegos apuntou tamén que, do mesmo xeito que a pesca, o PPdeG “ten tamén o agro como unha prioridade” e, como fixo onte no Parlamento Europeo, “vota para protexer os nosos agricultores e gandeiros”.
“Que non nos enganen. O BNG fai populismo: non conseguiu bloquear o acordo de Mercosur, senón que provocou o efecto contrario. Abriu a porta a que se puidese aplicar de xeito inmediato, pero sen o regulamento das cláusulas de salvagarda. E no PP non imos consentilo”, dixo. De feito, explicou, enviar o acordo co Mercosur ao Tribunal de Xustiza da UE “amplía a agonía do campo”.
“Somos o partido do rural e non imos consentir que se aplique o acordo sen as cláusulas de salvagarda automáticas e sen un reforzo claro dos controis en fronteira”, deixou claro Prado respecto das medidas de protección ao sector que o PP reclama e que son “garantía para a actividade económica do sector”. “Ese é o posicionamento do PP: antes de nada, temos que garantir e incrementar a defensa do noso agro”, resumiu.